Avívanse as voces críticas no PSdeG a dous días do Comité Nacional
Medio cento de militantes feministas esixen que se convoque a Conferencia de Igualdade e piden unha rectificación do partido
As denuncias de acoso sexual e laboral que afectan a varios cargos do Partido Socialista de Galicia desatou unha crise interna dentro da formación. Hai voces que apuntan á dirección do PSdeG.
"Creo que é importante reflexionar e mirar como este asunto nos está afectando. Mais cando foi o Secretario xeral o que admitiu que coñecía estas denuncias", explica Blas García, alcalde de Ames.
O Comité Nacional reúnese este sábado para tratar asuntos orgánicos. Pero a resposta do partido aos casos de acoso estará tamén sobre a mesa.
"O debate darase onde se ten que dar. No máximo órgano do partido entre congresos e teremos a ocasión de falar", di a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Inés Rey apoia, aínda que non asinou, o segundo manifesto que subscriben medio cento de militantes feministas que esixen que se convoque a Conferencia de Igualdade do PSOE. Piden unha rectificación nas políticas do partido.
"Todo o que sexa en defensa da igualdade e o feminismo estou a favor".
Desde o partido defenden as medidas adoptadas.
"O Partido Socialista fíxoo moi ben. Fíxoo con axilidade. Temos un protocolo que se está aplicando", asegura a Ministra de Igualdade, Ana Redondo.
Pero hai voces que piden dar un paso máis.
"Todo o que poidamos sentarnos, dialogar e mirar ao futuro intentando arranxar todas estas situacións é bo", di o alcalde de Ames, Blas García.
Entre as asinantes do manifesto feminista está a que fora secretaria de igualdade do PSdeG Silvia Fraga, que dimitiu tras a denuncia de acoso sexual contra o expresidente da Deputación de Lugo.