Publicador de contidos

Publicador de contidos

Audasa prevé elevar as peaxes da AP-9 un 9 %, a segunda maior suba do século

Audasa prevé elevar as peaxes da AP-9 un 9 %, a segunda maior suba do século

Se o Ministerio dá o seu visto e prace, viaxar desde A Coruña ata Vigo vai custar máis de 19 euros

Facer todo o percorrido da autoestrada do Atlántico, de Ferrol a Tui, máis de 25

O presidente da Xunta pide ao Goberno que rectifique "unha decisión política"

G24.gal 16/11/2022 12:58 Última actualización 16/11/2022 14:42

Os usuarios da AP-9, autoestrada que vertebra Galicia e principal vía de comunicación da rexión, que xa pagan unha das vías máis caras de Europa, verán incrementadas as súas peaxes a partir do próximo 1 de xaneiro, no que é a segunda maior suba do século.

Trátase "dunha subida escandalosa", segundo a Federación Galega de Transportes de Mercadorías (Fegatramer), que considera este aumento, a falta do visto e prace do Ministerio de Transportes, “un novo agravio” contra empresas, usuarios e transportistas da comunidade.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, lembra que o executivo está "asumindo esta clase de subas", pero avisou de que haberá que "estudar a proposta da empresa e o reparto de fondos". 

Esta tarifa actualízase cada ano en función de dous factores: o IPC e, de forma particular nalgunhas concesións de autoestradas como a galega, correccións que poden elevar aínda máis a peaxe.

No caso da AP-9, trátase dun 1 por cento extra de compensación que ten Audasa, a concesionaria da autoestrada, pola ampliación da ponte de Rande e a circunvalación de Santiago de Compostela.

“Un custo económico inadmisible para os cidadáns, familias e empresarios”, di Diego Maraña, presidente da asociación de consumidores En-Colectivo, promotora da demanda ante a UE na que se pide anular a concesión ata 2048 e que está pendente de resposta por parte da Comisión.

“É unha autoestrada que está máis que amortizada”, engade Maraña, para quen a anulación da concesión poñería fin ás peaxes e ao “agravio” que segundo Fegatramer están a piques de sufrir os usuarios da autoestrada, os cales pagarán case 20 euros a partir de xaneiro por viaxar entre A Coruña e Vigo.

Fegatramer lembra que as AP-9 é a principal vía de vertebración da comunidade autónoma, que enlaza o norte e o sur de Galicia, e advirte das consecuencias que pode ter un incremento así nun contexto como o actual, de “delicada” situación económica que se espera que “empeore nos próximos meses”. 

SUBA DAS PEAXES NA AP-9 EN 2023 ( 9,38 %)

Ferrol-Tui                      25,15 euros

A Coruña-Vigo              19,15 euros 

A Coruña-Santiago        7,90 euros

Vigo-Santiago                11,25 euros

A Xunta pídelle ao Goberno medidas para evitar a suba de peaxes na AP-9 e AP-53

A Xunta pediulle ao Goberno que tome medidas para evitar estas subas das peaxes na AP-9, e tamén na AP-53 que conecta Santiago e Lalín, que ademais non goza de bonificacións. 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou o Goberno central a "rectificar" a posible suba para o próximo ano das peaxes da autoestrada A-9 nun 9 %, xa que considera que se trata dunha "decisión política" que pode tomar "nun sentido ou outro".

Para Rueda este posible incremento é unha decisión máis en contra da comunidade galega por parte do Executivo de Pedro Sánchez, xa que a conxelación da tarifa "fíxoas noutras autoestradas", pero "ultimamente a Galicia sempre lle tocan as peores decisións do Goberno central", asegurou.

A demostración de que se trata dunha decisión política, segundo Rueda, é que a Xunta fixo "todo o contrario" e conxelou as tarifas das autoestradas da súa competencia para o próximo ano, con cargo aos orzamentos autonómicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade