Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xa se poden pedir os bonos gratuítos de Renfe

Xa se poden pedir os bonos gratuítos de Renfe

Estarán vixentes entre o 1 de setembro e o 31 de decembro 

Deberán usarse mínimo 16 veces e haberá que depositar unha fianza

Afluencia masiva de pasaxeiros nas estacións para mercar os abonos 

Cola na estación de Santiago para conseguir os abonos
G24.gal 23/08/2022 22:47 Última actualización 24/08/2022 13:14

Este mércores xa se poden adquirir os abonos gratuítos de Renfe, que forman parte dese plan de aforro enerxético. O Goberno calcula que as familias poden aforrar ata 1.000 euros nos tres meses que dura a bonificación. 

O Executivo informou que unhas 330.000 persoas xa se rexistraron na web de Renfe para reservar estes abonos de balde a partir deste mércores.

Como comprar os abonos

Desde o pasado 8 de agosto, os usuarios poden rexistrarse na páxina web e nas aplicacións de Renfe e Renfe Proximidades para preparar os trámites necesarios de cara á adquisición dos abonos desde este mércores.

Os usuarios que utilicen normalmente as ferramentas de Renfe xa terán este paso feito, posto que se trata de rexistrar os datos.  

Para a compra do abono, será necesario depositar unha fianza. No caso das Proximidades e Rodalies, a fianza a pagar á hora de adquirir o abono será de 10 euros, preferiblemente por medio de cartón bancario, para que o reembolso se devolva automaticamente a ese cartón, a condición de que o usuario realizase un mínimo de 16 viaxes.  

En caso de non cumprir co número mínimo de viaxes estipulado, a fianza considerarase unha indemnización e non será devolta ao usuario. No caso de que a fianza se depositase en metálico, a devolución da fianza deberá solicitarse nos despachos de billetes, oficinas de atención ao cliente ou en calquera outro servizo postventa habilitado ao efecto por Renfe.  

Durante o período de comercialización do novo abono recorrente, suspenderase a venda do resto dos abonos habituais, aínda que aqueles que fosen comprados con anterioridade manterán a vixencia coa que foron adquiridos e poderán utilizarse.  

A adquisición do abono realizarase por cada núcleo de proximidade e será válido para viaxes ilimitadas entre calquera orixe e destino. Todos os clientes poderán obtelo nos despachos de billetes, máquinas autoventa e mediante a app de Renfe Proximidades.  

Media distancia  

No caso da Media Distancia Convencional, a fianza será, en termos xerais, de 20 euros e se se fai un mínimo de 16 viaxes, a fianza devolverase. Os usuarios poderán obter o seu abono gratuíto nas máquinas autoventa e despachos de billetes das estacións e formalizar a súa viaxe en máquinas autoventa, despachos de billetes, web e aplicación de Renfe.  

Durante os catro meses que estarán vixentes os novos abonos recorrentes, suspenderase a venda dos abonos habituais, que manterán a vixencia coa que foron comprados. Os viaxeiros poderán solicitar a devolución da parte proporcional.  

Galicia 

No caso de Galicia, onde existen Proximidades de Ancho Métrico entre Ferrol e Ortigueira, a fianza a depositar será de 10 euros e será reembolsable.  

Para os usuarios dos trens de Media Distancia Convencional e Media Distancia Ancho Métrico (o servizo que existe entre Ferrol-Oviedo e Xixón) a fianza a depositar será de 20 euros que tamén será reembolsable se se fan esas 16 viaxes e sempre cun 100 por 100 de bonificación.

Abonos Avant 

No caso dos novos bonos de alta velocidade e os abonos Avant, o período de uso abarcará desde o 1 de setembro de 2022 até o 31 de xaneiro de 2023.  

Os servizos Avant OSP (obrigación de servizo público) contarán cun desconto do 50 % para os usuarios recorrentes, que se aplicará a todos os títulos multiviaxe Avant (Abono Cartón Plus, Cartón Plus 10 ou Cartón Plus 10-45) que se vendan entre o 24 de agosto e o 31 de decembro de 2022 para ser utilizados desde o 1 de setembro e ata o 31 de xaneiro de 2023.  

Os abonos vendidos con anterioridade cuxos viaxes se utilicen durante o período de vixencia dos descontos poderán solicitar a devolución do 50 % de cada viaxe realizada nese período a través das canles de postventa de Renfe. Os descontos de familia numerosa e outros organismos aplicaranse após a rebaixa do 50 %.  

Para o abono Avant Cartón Plus (30-50) establécense tres meses de validez e 60 días para o seu uso desde a data de viaxe da primeira formalización. Para o Avant Cartón Plus 10 Normal e Estudante fíxanse 30 días para a primeira formalización e 20 días para o seu uso desde a data de viaxe da devandita formalización. Para o Avant Cartón Plus 10-45, o período de validez e utilización será de 45 días desde a data de compra, incluída esta.

Abonos multiviaxe de alta velocidade

Renfe Viaxeiros comercializará ademais un novo abono recorrente en determinadas rutas, que será nominativo e corresponderá a unha orixe/destino en traxectos nos que o menor tempo de viaxe sexa inferior a 100 minutos, non sexa un traxecto declarado obrigación de servizo público-Avant e non se atope en liñas con acordos marco de capacidade asinados.  

Poderá ser adquirido entre o vindeiro mércores e o 31 de decembro de 2022 para ser utilizado entre o 1 de setembro de 2022 e 1 de xaneiro de 2023; será válido para 10 viaxes, en ambos os sentidos, entre a orixe e destino solicitado, e o seu período de utilización será de 30 días para a primeira formalización e 20 días para o seu uso desde a data de viaxe da devandita formalización. 

Medida prorrogable máis alá do 31 de decemebro

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, asegurou que a demanda destes abonos "demostra o interese da medida" por parte dos usuarios.

Acerca da prórroga desta medida que expira a final de ano, a ministra dixo que "chegados ao 31 de decembro, se se considera necesario prorrogar esta medida, farase".

Nesa mesma liña expresouse Raquel Sánchez coa actual medida de bonificación aos combustibles, é dicir, que chegados ao 31 de decembro "exporase" se se prorroga ese desconto.

Aforro estimado por familia 

O Goberno estima un aforro por cada familia de ata 1.000 euros en cidades coma Valencia ou Sevilla. Noutras comunidades como Galicia pode aforrarse máis de 600 euros.

O cálculo faise collendo como modelo unha familia de catro membros, con dous fillos estudantes, que se desprace nas contornas metropolitanas. Estes abonos comezan a funcionar o vindeiro 1 de setembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade