As necesidades dos maiores, a análise no Congreso Internacional de Xeriatría
300 profesionais participan en Ourense no Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía
Este 35 congreso está centrado no envellecemento, benestar e atención especializada
Ourense acolle estes días o 35º Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía, un evento de gran relevancia que aborda os desafíos e necesidades da poboación vella, especialmente na nosa sociedade, que ten unha esperanza de vida alta e unha poboación envellecida.
Trescentos profesionais da xerontoloxía e a xeriatría participan neste congreso que se esta a celebrar desde onte venres 30 de maio e que remata este sábado.
Este encontro científico e social pretende conxugar as necesidades e os retos que presenta o envellecemento, segundo explica Rocío Malfeito, a xefa de xeriatría do HULA.
Na última década en Galicia houbo máis de 10.000 centenarios, todo un logro que lanza desafíos significativos como o fomento da inclusión e o apoio á poboación maior, salienta Chema Faílde, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.
O envellecemento —di Faílde— é a gran conquista social do noso século: a comezos de 1900 a esperanza de vida era de 34 anos, e a media actual en Galicia supera os 83.
Son desafíos, porque non todo son vantaxes. Este aumento de idade carrea tamén máis problemas de saúde mental, aclara Raimundo Mateos, profesor na USC e responsable da unidade de psicoxeriatría de Santiago.
A nosa perspectiva sobre envellecemento é importante e debe ser positiva porque, para o ano 2050, o número de persoas maiores de 65 anos superará os dous millóns.

Para o 2050 espérase que a poboación de persoas maiores de 60 anos supere os 2.100 millóns
Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) e as Nacións Unidas, a proporción de persoas maiores de 60 anos está a crecer rapidamente. En 2024, aproximadamente o 14-15% da poboación mundial ten 60 anos ou máis, o que equivale a máis de 1.200 millóns de persoas.
Para o 2050 espérase que a poboación de persoas maiores de 60 anos supere os 2.100 millóns, o que representará ao redor do 22% da poboación mundial.