Publicador de contidos
Publicador de contidos

Regreso ás aulas cuns 9.000 positivos en covid na comunidade educativa

Regreso ás aulas cuns 9.000 positivos en covid na comunidade educativa

O conselleiro de Sanidade prevé unha segunda quincena de xaneiro "complexa" 

Non descarta estender as restricións vixentes se os datos o recomendan

G24.gal 09/01/2022 09:34 Última actualización 20:10

O conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña cifrou nunhas 9.000 as persoas da comunidade educativa galega que nestes momentos están contaxiadas.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, o responsable galego de Sanidade fixo estas estimacións na véspera de retomarse o curso escolar. Segundo aclarou, dese total, unhas 3.600 serían nenos de cinco a once anos. 

"Por facerse un cálculo sinxelo, cunha incidencia acumulada que tiñamos o día 4 de 2.400 casos por cen mil habitantes en menores de 11 anos, que son como 150.000, iso produciría un número arredor de 3.600 casos activos no rango 5-11 que podemos ter agora mesmo en Galicia. Cremos que en xeral en todo o ámbito educativo poden chegar aos 9.000 casos activos a día de hoxe". 

O conselleiro tamén destacou que esa volta ás aulas se faría xa co 60 por cento dos nenos de cinco a once anos vacinados porque faltaban por introducir nas estatísticas os datos de vacinación do día 5.

Ademais, a semana que vén continuarase coa administración da primeira dose da vacina pediátrica. Mañá está prevista a chegada dunha remesa de 36.000 doses de vacinas para cativos e  administraranse o 11, 12 e 13 de xaneiro. 

Respecto ao novo protocolo de xestión de positivos e corentenas nas aulas pactado no Estado, García Comesaña desvelou que aínda quedan flocos pendentes de perfilar. Por exemplo, engadiu, "se o limiar se puña para os nenos de infantil e primaria ou se era para todos e quen tiña que facer corentena si ou si".

Pico da sexta vaga

O conselleiro de Sanidade cualifica de "complicada" a situación actual debido ao volume de casos activos en Galicia e destacou que sobre todo está causando máis "carga administrativa que asistencial".

García Comesaña, tras apelar á cautela porque se modificaron algúns procedementos, si admitiu que os indicadores apuntarían a que se está "preto" do pico da sexta vaga. 

"Cambiamos tantas cousas nestes últimos días, tantas maneiras de facer as cousas, que hai que ser prudentes con estes resultados, que, como digo, parecen apuntar que estamos preto dese máximo. Parece confirmar a nosa teoría de que poderiamos estar arredor do 15-18 de xaneiro nese pico". 

Non só iso, senón que tamén fala de "segunda quincena de xaneiro complexa" porque se as cousas saen como se prevé, tras ese 15-18 de xaneiro quedaría unha semana máis para chegar ao pico de ingresados en planta e dúas semanas para o pico de ingresados nas UCI.

Persoas críticas sen vacinar

Con todo, agarda que os ingresos se conteñan e destaca que non están aumentando especialmente. O que si salientou é que o "60 por cento dos pacientes que están en UCI son persoas non vacinadas", polo que aproveitou para volver chamar a se vacinar aos que aínda non o están. 

O conselleiro García Comesaña asegurou que esta semana volverán analizar os datos da evolución e en función deles decidirase se se manteñen máis alá do 18 de xaneiro as restricións vixentes.  Segundo García Comesaña, "todo está aberto". 

Autodeclaración de positivo

O conselleiro de Sanidade, ante o cambio de protocolos á hora de notificar os positivos, admitiu que se está en proceso de adaptación, tanto "usuarios, como contactos, positivos e profesionais" porque é un "cambio importante que -explicou- requiriu non só un cambio cultural de profesionais e de contactos, senón tamén de requirimentos técnicos".

En todo caso destacou a boa resposta deste sistema de autodeclaración para alixeirar carga administrativa na atención primaria. 

"Tivemos algún día de 2.000 autodeclaracións utilizando este procedemento. Un número importante de persoas que fan autotest na casa e se declaran. Son doentes a quen non temos que pedir PCR, non teñen que ir ao centro de saúde (...)  unha vez que se autodeclaran xa figuran como positivos. Un adianto imporante nese ámbito de reducir a carga administrativa que está a ter esta variante actual". 

O conselleiro de Sanidade confirmou que a partir da semana que vén empezarán a traballar os 86 médicos xubilados contratados para "botar unha man nesas tarefas que non son asistenciais", como son, dixo, "a xestión de incapacidades temporais" ou "nesa primeira chamada a eses casos positivos para certificar que non teñen síntomas e pode facer illamento no seu domicilio sen problema".

Dixo que nas áreas de Vigo e de Santiago xa se incorporaron a semana pasada, 21 e 14 respectivamente, e "esta semana que vén no resto de áreas sanitarias".

Contratación

Así mesmo, para tratar de reducir carga administrativa dos médicos de primaria, aínda que desvinculado desta sexta vaga, o conselleiro García Comesaña apuntou á contratación de médicos sen especialidade. Unha vía articulada na denominada Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta, que permitirá a contratación desta figura de "técnicos de saúde".

Segundo dixo: "Este luns abriremos o prazo de presentación dos candidatos, teñen que presentarse a través dunhas listas,  quedarán ordenados e a partir de aí empezar a contratalos". A intención, destacou, é empezar a contratar canto antes.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos