Arquivado o caso Desproi contra Sánchez Bugallo e a súa xunta de Goberno
A maxistrada do Xulgado de Instrución Número Un non ve indicios de prevaricación nin de tráfico de influencias
Si mantén como investigado o exedil José Manuel Pichel por "participación en negociacións prohibidas"

A maxistrada do Xulgado de Instrución Número Un de Santiago acordou o sobresemento provisional da causa polo coñecido como caso Desproi contra o exalcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e a súa xunta de goberno ao non ver indicios de prevaricación nin de tráfico de influencias.
A xuíza Ana López Suevos acordouno nun auto con data do 25 de setembro, xornada na que Sánchez Bugallo acudiu aos xulgados para declarar como testemuña neste caso que propiciou a dimisión do entón concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel.
Porén, mantén como investigado o exedil por un delito de participación en negociacións prohibidas por parte dunha autoridade, ao transcender que formara parte do accionariado da empresa á que se lle adxudicou un contrato para albergar servizos da concellería que dirixía.
Deste xeito, acórdase o sobresemento provisional respecto ao propio Bugallo e aos concelleiros Milagros Castro, Gumersindo Guinarte, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Marta Abal, Esther Pedrosa e José Luis Fernández, así como para Desproi Promociones S. L.
"As irregularidades detectadas no expediente administrativo carecen da gravidade suficiente como para consideralas constitutivas dun delito de prevaricación", sostén a maxistrada.
Tribunal de xurado
Ademais, acorda a transformación das actuacións nun procedemento ante o Tribunal de Xurado, que se vai seguir exclusivamente contra José Manuel Pichel por un delito de participación en negociacións prohibidas por parte dunha autoridade. Contra esta decisión cabe recurso.
O caso da compañía Desproi Patrimonial S. L. remóntase ao ano 2021, cando Bugallo presidía a corporación municipal e a xunta de goberno local.
José Manuel Pichel era, naquel entón, o concelleiro de Medio Rural e dimitiu tras descubrirse que era socio de Desproi a través doutra empresa, chamada Gaia.
Os feitos indican que Desproi fora contratada polo consistorio compostelán para trasladar as oficinas de Medio Rural e Parques e Xardíns, tras seren desaloxadas da súa anterior localización, na antiga estación de autobuses.

Alugueiro de nave e "erro considerable"
O exconcelleiro Manuel Pichel, que naquel tempo era membro do grupo de goberno socialista é, deste xeito, o único imputado na investigación sobre o alugueiro dunha nave a Desproi.
A empresa na que o exedil era socio alugou as instalacións dunha nave no polígono de Costa Vella para situar as novas oficinas dos departamentos municipais.
Cando deixou o goberno municipal, Pichel declarou cometer un "erro considerable" ao "non comunicar ao alcalde Bugallo nin ao resto da Xunta de Goberno" a súa participación en Desproi, aínda que, segundo el, fíxoo "sen mala fe".
O PP de Santiago de Compostela presentou a denuncia que abriu a vía xudicial do caso Desproi e que, en principio, fora dirixida a "todos os membros da xunta de goberno local".
Declaracións da alcaldesa
Preguntada pola decisión do xulgado nun acto este sábado, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, negouse a facer unha valoración da decisión ao asegurar que aínda non coñece a sentenza.
"Eu creo na xustiza e cando fala, o resto da xente o que temos que facer é acatar esas sentenzas", afirmou.