Arquivada a investigación á alcaldesa de Guitiriz polo cobro de dietas
A xuíza argumenta que a documentación achegada por Marisol Morandeira demostra que asistiu a unha Xunta de Goberno de forma telemática mentres estaba de viaxe oficial
A rexedora fora denunciada pola portavoz do PP no concello polos presuntos delitos de prevaricación administrativa, malversación e falsidade en documento público
Contra a resolución cabe recurso
O xulgado número 2 de Vilalba acordou o sobresemento provisional e o arquivo da causa aberta tras a denuncia interposta polo portavoz do PP de Guitiriz contra a alcaldesa desta localidade lucense, Marisol Morandeira, por presuntos delitos de prevaricación administrativa, malversación de fondos públicos e falsidade en documento público ou oficial.
Diso informou este martes o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que sinala que a denuncia se baseaba na percepción de dietas, as cales ascenderon a 381,65 euros, por unha viaxe oficial a Portugal, alegando incompatibilidade entre a presenza da alcaldesa no estranxeiro e a súa asistencia á Xunta de Goberno Local celebrada o 10 de decembro de 2025.
A documentación presentada, segundo consta no auto, acredita que a alcaldesa percibiu as dietas conforme ao establecido no acordo plenario correspondente e que a súa asistencia á Xunta de Gobierno Local foi telemática, o que desvirtua as afirmacións da denuncia.
No auto, a xuíza explica que, tras practicar as dilixencias que se consideraron necesarias, "o resultado das mesmas non logrou confirmar a existencia de indicios suficientes da comisión dos feitos denunciados".
A resolución non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso.