Rueda anunciará no Debate de Política Xeral a ampliación do Bono Coidado para chegar a 50.000 familias
Rueda anunciará no Debate de Política Xeral a ampliación do Bono Coidado para chegar a 50.000 familias
O presidente da Xunta marcará os retos económicos e de servizos públicos nunha intervención dividida en tres bloques
O Goberno galego asegura que será "un discurso propositivo e en positivo sobre un proxecto para Galicia que xa foi dando froitos e que sentou as bases para seguilos dando en todo o que queda de década"
Alfonso Rueda, durante unha intervención no Parlamento
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aproveitará o seu discurso inicial no Debate de Política Xeral que se vai celebrar este mércores para detallar o impulso que ten previsto darlle o Goberno galego ao Bono Coidado.
En concreto, Rueda vai avanzar que, nesta mesma lexislatura, vaise poñer a disposición doutras 10.000 persoas maiores e as súas familias. O bono, que ofrece 5.000 euros ao ano para persoas dependentes que reciben atención na súa casa, pasou de 20.000 a 40.000 beneficiarios nos dous últimos anos grazas ao incremento das partidas. Deste xeito, pasarían a ser 50.000 familias as destinatarias da axuda.
Rueda ten previsto render contas á cidadanía neste ecuador da lexislatura e tamén marcar os grandes obxectivos dos vindeiros meses. Vaino facer dividindo a súa intervención inicial en tres grandes bloques. Os tres bloques estarán baseados na idea de 'Galicia Calidade', que Rueda quere expor, máis que como "unha certificación de produtos" galegos, como "un estilo de vida".
No económico repasará os retos pendentes en materia industrial e enerxética, así como os retos existentes en materia de emprego para seguir incrementando a produtividade e mellorando os salarios.
No eido dos servizos públicos, o presidente da Xunta fará balance dunha Sanidade, Educación e Servizos Sociais que, segundo o Goberno galego, "están mellorando e modernizándose" grazas a un maior orzamento e a servizos innovadores adaptados á realidade social de Galicia.
Xa por último, o terceiro bloque estará centrado no camiño cara á prosperidade que quere seguir Galicia, ligado á innovación, á identidade e á mellora da vertebración territorial da nosa terra.
O Goberno galego asegura que será "un discurso propositivo e en positivo" sobre un proxecto para Galicia ·que xa foi dando froitos e que sentou as bases para seguilos dando en todo o que queda de década".