Aniversario feliz para Giráldez como adestrador do Celta
Esta semana fai un ano da destitución de Benítez e unha remuda no banco vigués que cambiou o presente e o futuro da entidade no eido deportivo
Esta semana o Celta celebra un ano da chegada de Claudio Giráldez ao primeiro equipo. O que parecía unha decisión arriscada rebelouse como un feliz acerto case desde o minuto un. Debut con vitoria en Sevilla e declaración de intencións coa aposta polos novos, incluída a estrea de Damián en Primeira.
O que veu despois foi a permanencia e a prolongación dun idilio con Balaídos, cimentado no xogo valente e na presenza crecente da canteira. Nestes 12 meses Giráldez só cedeu tres derrotas na casa en 19 partidos. E aínda que fallan os números fóra, este Celta ten 36 puntos con 11 xornadas por diante; só Berizzo e Unzué sumaban máis a estas alturas.
O Celta atravesa o mellor momento da temporada, con cinco partidos sen perder. Agora visita Valladolid. Despois recibe As Palmas. Quedan quince puntos en xogo en Balaídos, onde a troula semella estar sempre garantida. Só falta que Giráldez dea a licenza para pensar en Europa.
Os seus números
Claudio dirixiu neste ano 41 partidos no Celta entre Liga e Copa. O balance é positivo, con 18 vitorias (44 %), 8 empates e 15 derrotas. Na época moderna só Víctor Fernández, cunha porcentaxe de vitorias do 45 %, ou Javier Irureta, cun 50 %, acreditan mellores números que o porriñés.