Rueda asume con "enorme ilusión" o liderado dun PPdeG que ve "imparable"
O novo presidente acadou o 97,2 % dos votos no 18 congreso extraordinario
Alberto Núñez Feijóo encoméndalle un mandado propio "sen tutelas nin tutías"
Pedro Puy reaparece no congreso do PPdeG tras o infarto que sufriu na investidura
O PPdeG dá por pechado este domingo o proceso de sucesión de Alberto Núñez Feijóo coa ratificación de Alfonso Rueda como presidente do partido. Acadou o 97,2 % dos votos.
Tras a clausura do 18.º congreso extraordinario, que se celebrou en Pontevedra, o novo líder asume as rendas da formación, que ve "imparable" de cara aos vindeiros comicios, con Paula Prado na secretaría xeral.
No seu primeiro discurso como líder orgánico proclamou o comezo "dunha nova etapa" e un "novo camiño" con respecto ao de Alberto Núñez Feijóo, agora convertido en máximo dirixente nacional do PP.
"Asumo cunha enorme ilusión, responsabilidade e respecto a tarefa que hoxe me encomendastes. Hoxe empeza un novo camiño", asegurou.
Tras agradecer o apoio recibido polos compromisarios, prometeu ser un abandeirado da "normalidade excepcional" da política galega, un "sosego" que en Galicia "parece normal" pero que fóra, ao seu xuízo, non o é.
Neste contexto, proclamou que Galicia é "sentidiño", unha palabra que "supón moitas cousas", e cargou contra aquelas persoas que pensan que a política galega "poida parecer aburrida porque é estable". "Bochorno é o que está a pasar na Moncloa co Partido Socialista", agregou.
Tamén tivo palabras de agradecemento para Miguel Tellado e Alberto Núñez Feijóo.
"Faremos o posible para estar á altura do PP de onte, o de hoxe e o de mañá. E por suposto, á túa altura. Moitísimas grazas Alberto, e moitísima sorte", desexoulle.

"Sen tutelas nin tutías"
Alberto Núñez Feijóo, que participou no acto de clausura, encomendoulle a Alfonso Rueda un liderado propio "sen tutelas nin tutías", parafraseando a quen fora o seu predecesor na dirección do PP galego, o expresidente Manuel Fraga.
"Para min é unha honra (...) deixar de chamarlle Alfonso para empezar a chamarlle presidente Rueda e poñerme á orde", dixo emocionado.
O líder nacional do PP puxo en valor a figura do mandatario galego, que describiu coma un "triatleta" con tres calidades importantes para liderar a nova etapa en Galicia: ser "coñecedor" da administración pública, un "home de partido"e "un bo tipo".
Feijóo amosou a súa confianza en Rueda para acadar "a quinta maioría absoluta do PPdeG" aínda que para iso, subliñou, haberá que traballar, pois “o contador está a cero” e os votos das últimas eleccións xa non contan.

A chegada máis agardada
O portavoz parlamentario do PPdeG Pedro Puy protagonizou unha das chegadas máis agardadas, tras sufrir un infarto durante o debate de investidura de Alfonso Rueda como novo presidente da Xunta.
O xefe do Executivo galego foi o primeiro en darlle unha aperta. Despois, numerosos dirixentes achegáronse a saudalo. Puy, a quen lle puxeron tras o incidente dous stents, apareceu riseiro na xornada de clausura do Congreso.