Álex Bergantiños deixa o Consello de Administración do Deportivo
A renuncia será oficial na Xunta de Accionistas do vindeiro 26 de xuño
Álex Bergantiños deixará o Consello de Administración do Deportivo na Xunta de Accionistas que se vai celebrar o vindeiro 26 de xuño. O mítico xogador coruñés foi unha das apostas da propiedade para facer de enlace entre o Consello e os xogadores, canda Carlos Ballesta.
As discrepancias de Bergantiños co Consello fixéronse evidentes no pasado mercado invernal, e antes de que se inicie a vindeira temporada decide deixar as súas funcións e abandona o club.
Falar de Álex Bergantiños é facelo dunha lenda da entidade coruñesa. Pasou por todas as categorías inferiores, capitaneou o Fabril, agardou ata o final para vestir a camisola do primeiro equipo e acabou levándoa durante máis de 300 partidos (no top10 histórico).
No terreo de xogo a súa profesionalidade está fóra de toda dúbida. Xogou en todas as posicións (ata de porteiro) e defendeu o escudo con honra en todas as categorías, desde a Primeira ata a Segunda División B. Na súa última etapa foi o capitán e referente da entidade.