O karkubi, a perigosa "droga dos pobres" que xa está en Galicia e triunfa entre a mocidade
Trátase dunha práctica importada de Marrocos en que se combina Rivotril con haxix ou alcol
O combinado pode ter consecuencias neurolóxicas fatais
A operación contra o tráfico de medicamentos en Cangas deste xoves destapou unha práctica que é nova en Galicia, e que vén importada de Marrocos. Consiste en mesturar o Rivotril, un ansiolítico con haxix ou alcol. O resultado, o karkubi, un cóctel que pode resultar explosivo.
"É unha bomba. Produce sensación de euforia, de agresividade. Ten resultados demoledores e danos neurolóxicos asegurados", advirte Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.
É un combinado barato. Por iso se coñece como a droga dos pobres. Calculan que a rede vendía o bote por uns quince euros, un auténtico gancho para a rapazada.
"Os consumidores habituais son menores. No Morrazo en concreto parece que esta substancia estaba detrás de pelexas organizadas entre bandas de mozos", engade Alonso.
Algúns acabaron en Urxencias, o que fixo saltar as alarmas. De feito, a investigación policial desenvolvida ao longo dos últimos dous anos confirma que en Cangas hai un consumo esaxerado de psicotrópicos entre menores.
"A cuarta substancia máis consumida entre os adolescentes galegos son os hipnosedantes. É unha tendencia en toda España e máis en Galicia. Son fármacos que hai en todas as casas", sinala o máximo responsable da FGN.
Dende a Fundación Galega contra o Narcotáfico lamentan a posta en liberdade do único detido en Cangas e piden que se tomen medidas legais máis estritas, sobre todo cando afecta aos máis novos.
O único detido, en liberdade
O detido, que quedou en liberdade e non chegou a pasar a disposición xudicial, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, é un home de 56 anos, con domicilio en Cangas, e unha das persoas investigadas é a súa parella, de 59 anos, ambos cun amplo historial de antecedentes policiais e aos que se lle atribúe un delito contra a saúde pública. A suposta comisión dese mesmo delito e outro máis por falsidade de documento público atribúeselles a tres médicos de familia e a dous psiquiatras do Sergas.
Ademais, investígase a un farmacéutico por falsidade documental, por expedir clonazepan, principio activo do fármaco Rivotril, incumprindo o deber de comprobar a identidade da persoa que recolle o medicamento e a súa receita.
A investigación, segundo o instituto armado, comezou en 2023 tras comprobar un preocupante aumento do consumo de psicotrópicos entre menores de idade en Cangas.Así, comprobouse que a nai dun menor que fora protagonista de distintos incidentes chegou a retirar 5.800 comprimidos psicotrópicos en menos dun ano.
Ademais, durante este tempo foron investigados por delito contra a saúde pública 10 persoas máis de cales 3 son menores de idade.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou este venres que están pendentes de como avance a investigación sobre o persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) investigado. "Hai que ser moi prudente, deixar traballar á Garda Civil para que siga coa investigación, con máximo respecto ao seu traballo e as conclusións que saque". "Non é momento da Consellería de Sanidade, é momento da Garda Civil", indicou.
A Operación está dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Cangas e no rexistro practicado se aprehenderon numerosos envases de fármacos psicotrópicos (523 pastillas), 1 parche de fentanilo, 20 gramos de marihuana e 9 pastillas de metadona.