Alcaraz tira de épica para meterse na final do Aberto de Australia
O murciano gañoulle o duelo a Zverev por 6-4, 7-6, 6-7, 6-7 e 7-5 nun partido que durou cinco horas e media
Alcaraz xogará a final do Aberto de Australia por primeira vez na súa carreira despois de gañarlle en cinco sets a Alexander Zverev nun partido que se foi ás cinco horas e media de duración: 6-4, 7-6, 6-7, 6-7 e 7-5.
O primeiro set decidiuse no noveno xogo cando Alcaraz conseguiu rachar o servizo de Zverev (5-4) e confirmalo facéndose coa manga por 6-4. Despois chegou o momento da igualdade porque os tres seguintes sets foron ao tie break. No segundo, o triunfo foi para Alcaraz (7-6) logo de gañar a morte súbita por 7-5.
Pero no terceiro comezaron os problemas físicos do murciano. Sufriu problemas estomacais e recibiu a atención das asistencias por cambras. Aínda así conseguiu chegar outra vez ao tie break, pero aí foi amplamente superado polo seu rival (3-7). O cuarto set seguiu o mesmo camiño de agonía física para os dous xogadores. Outra vez igualaron (6-6) e Zverev volveu saír vencedor do duelo final cun 4-7 despois de facer catro puntos consecutivos.
O último set comezou co saque de Alcaraz e a rotura de servizo por parte de Zverev. O tenista español arrastrou a desvantaxe ata o 4-5 cando o seu rival tiña servizo para asegurar o set. Nese intre volveu a mellor versión de Alcaraz que logrou un xogo decisivo (5-5) e acabou levando os dous últimos e un partido épico.