Publicador de contidos

Publicador de contidos

Acordo entre PP e Por Viveiro para unha moción de censura que converterá a popular María Gueimunde en alcaldesa

Acordo entre PP e Por Viveiro para unha moción de censura que converterá a popular María Gueimunde en alcaldesa

O pacto para arrebatar o bastón de mando á socialista María Loureiro selouse na tarde deste mércores e a moción, tras rexistrarse este xoves á mañá, será debatida e votada o próximo 7 de marzo

@paulapra2 @paulapra2
G24.gal 19/02/2025 21:13 Última actualización 19/02/2025 23:25

O Partido Popular e Por Viveiro alcanzaron un acordo para a presentación dunha moción de censura no concello mariñán que converterá en alcaldesa a popular María Gueimunde.

O pacto para arrebatar o bastón de mando á socialista María Loureiro foi selado no encontro mantido na tarde deste mércores, segundo confirmaron fontes presentes na negociación.

A unión dos sete concelleiros populares e os dous de Por Viveiro sumarán unha maioría absoluta que supera o actual Goberno, formado pola coalición dos 5 concelleiros do PSOE e 3 de BNG. En todo caso, o futuro goberno na localidade  estará integrado en solitario polo PP, xa que o pacto con Por Viveiro se cingue ao seu respaldo á moción de censura.

Por Viveiro apoiou ao acabar as últimas eleccións á coalición de esquerdas, pero hai unhas semanas anunciou a ruptura co equipo de goberno, sobre o que dixo que "estaba desgastado, sen liderado, nin peso político". O seu voceiro, Bernardo Fraga, alegou entón que non se cumpriran as demandas que asinaron para apoiar a investidura de Loureiro, alcaldesa de Viveiro desde 2013, cando relevou ao seu compañeiro de partido Melchor Roel.

A portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Mariña Gueimunde, informou de que este xoves foi rexistrada a moción de censura á alcaldesa socialista María Loureiro, que será debatida en pleno o 7 de marzo.

“Está feito. Acabamos de rexistrar a moción de censura, de modo que queda convocado automaticamente o pleno para o seu debate o día 7, ás doce da mañá, tal e como o marca a lei”, contou Mariña Gueimunde a EFE.

De prosperar a moción de censura, algo que se dá por feito, dado que os dous edís de Por Viveiro e os sete do Partido Popular -que foi a lista máis votada nas pasadas eleccións municipais- suman a maioría absoluta, os populares recobrarían o poder neste Concello mariñán 22 anos despois de ser desaloxados da Alcaldía.

Mariña Gueimunde recoñece que afronta esta etapa “con moita ilusión”, con “moitas ganas de cambiar as cousas”. Ao seu xuízo, “hai moito tempo” que o Concello de Viveiro “está totalmente paralizado e dividido en dous gobernos”.

Por iso, opina que chegou o momento de “reconsiderar” esta situación, “para tratar de unificar e de traballar ao unísono”. Nese sentido, asegurou que o Partido Popular ten “o compromiso de Por Viveiro” de “apoiar e de colaborar en todo o que haxa que colaborar”, a pesar de que o grupo independente non quixo “entrar no goberno”.

“A min gustaríame” que entrasen a formar parte do goberno municipal, recoñece Gueimunde, quen en todo caso valora moito os compromisos adquiridos polo grupo independente “no acordo que asinamos onte”.

Entre outras cuestións, está sobre a mesa “a aprobación do orzamento” municipal, algo “moi necesario”, para saber “realmente o que temos e o que hai que priorizar”. Tamén, concluíu, para saber “o que temos que pagar, porque ata que fagamos ese diagnóstico, non o saberemos”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade