Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP e Vox chegan a un acordo para un goberno de coalición en Castela e León

O PP e Vox chegan a un acordo para un goberno de coalición en Castela e León

Carlos Pollán, deputado de Vox, é xa o novo presidente das Cortes 

O partido de Abascal terá unha vicepresidencia e tres consellerías

Fernández Mañueco conversa con García-Gallardo tras o pleno de constitución das Cortes (EFE/Nacho Gallego)
G24.gal 10/03/2022 11:57

O presidente da Xunta de Castela e León en funcións e candidato do PP á reelección Alfonso Fernández Mañueco anunciou que o seu partido e Vox alcanzaron un "acordo de lexislatura" que inclúe pactos sen concretar aínda sobre a presidencia das Cortes e a formación de Goberno.

Nunha mensaxe publicada na rede social Twitter, tras manter nas Cortes unha reunión de última hora co candidato da formación de extrema dereita Juan García-Gallardo, Mañueco afirmou que o seu Executivo será "estable e sólido, con pleno respecto á orde constitucional e ao Estatuto de Autonomía de Castela e León".

Os de Abascal logran grazas ao pacto a presidencia das Cortes de Castela e León e ocuparán a vicepresidencia, que será para Juan García-Gallardo, e tres consellerías do Goberno de coalición que presida Mañueco.

O candidato de Vox Juan García-Gallardo será vicepresidente da Junta (EFE/Nacho Gallego) O candidato de Vox Juan García-Gallardo será vicepresidente da Junta (EFE/Nacho Gallego)

O acordo logrouse pouco antes de que comezase a sesión constitutiva da XI Lexislatura nas Cortes de Castela e León, onde xa se puxo en práctica ese pacto. Carlos Pollán, procurador de Vox pola provincia de León, foi elixido presidente da cámara autonómica, cos votos da súa formación e os do Partido Popular, 44 apoios en total.

Así mesmo, a procuradora de Vox por Valladolid Fátima Pinacho ocupará a secretaría terceira da Mesa das Cortes, que completan o PP coa vicepresidencia primeira de Francisco Vázquez e a secretaría segunda de Rosa Esteban.

O PSOE terá a vicepresidencia segunda, Ana Sánchez, e a secretaría primeira, Diego Moreno.

Carlos Pollán, de Vox, novo presidente das Cortes de Castela e León Carlos Pollán, de Vox, novo presidente das Cortes de Castela e León

Desta maneira, Vox, PP e PSOE terán dous representantes cada un na Mesa, aínda que o voto de calidade do presidente das Cortes outorga o control do órgano executivo do Parlamento autonómico á formación de Santiago Abascal.

Na votación, o candidato de Vox a presidir a cámara obtivo eses 44 apoios, a suma dos seus procuradores e os do Grupo Popular, mentres que a candidata do PSOE, Ana Sánchez, concitou o apoio do seu grupo e dos procuradores de Unidas Podemos e Cs (30).

Finalmente, os tres partidos rexionalistas de Castela e León —Soria Ya, Unión del Pueblo Leonés e Por Ávila— abstivéronse (7).

Feijóo culpa o PSOE de dar a elixir entre Vox e repetir eleccións

O presidente da Xunta e aspirante a presidir o PP Alberto Núñez Feijóo culpou o PSOE de dar a elixir ao PP en Castela e León entre pactar con Vox para dar "estabilidade" ao goberno nesa comunidade ou repetir as eleccións, unha decisión "indelegable" de Alfonso Fernández Mañueco, que respecta.

Neste sentido varios partidos, entre eles PNV, Más País e BNG, sinalaron a Núñez Feijóo polo acordo alcanzando en Castela e León.

O portavoz do BNG Néstor Rego incidiu en que este é o perfil de Feijóo, "camaleónico, que xoga a ser moderado nalgunhas ocasións... e o resto do ano, ultraespañolista", e advertiu das súas políticas contra a sanidade pública e "antisociais".

Tamén no PSOE puxeron o foco en Feijóo. A vicesecretaria xeral dos socialistas Adriana Lastra falou de "pacto da vergoña" e implicou o líder do PPdeG nunha operación que por primeira vez leva a "extrema dereita" a gobernar unha rexión.

Ciudadanos, o partido que saíu do Goberno tras o adianto electoral en Castela e León, saudou o pacto con ironía. O seu deputado Guillermo Díaz felicitou o PP asegurando: "Parabéns, que gocen do populismo!".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade