Abre o parque acuático de Monterrei, para divertimento e refresco dos ourensáns
As instalacións, con cabida para 2.500 persoas, estarán abertas ata o 14 de setembro de 12 da mañá a 9 da noite
No verán pasado pasaron polo recinto de Monterrei 96.500 usuarios
A intensa calor destes días anima a xornada de apertura do parque acuático de Monterrei, que comeza a temporada este venres, 20 de xuño. Ata o 14 de setembro as instalacións abrirán de forma ininterrompida das doce da mañá ás nove da noite, todos os días da semana. A cabida é de 2.500 persoas diarias. As entradas pódense coller tanto na páxina web do complexo deportivo coma nas propias instalacións.
No verán de 2024, o parque rexistrou 96.500 usuarios. Está previsto que o mes que vén comecen as obras de ampliación para instalar catro novos tobogáns máis altos que os actuais.
E noutras fases posteriores engadiranse grandes tirolesas e outros equipamentos para completar o proxecto de parque multiaventura.