A Xunta vaille reclamar ao Goberno central a xestión do Pazo de Meirás
A petición chega despois de que o Supremo confirmara a titularidade pública do inmoble hai dúas semanas
Rueda tamén adiantou que Galicia se sumará ao recurso que poida presentar o Estado contra a indemnización á familia Franco
Alfonso Rueda, tras o Consello da Xunta deste luns, informou de que o Goberno autonómico ten "a intención" de facerse cargo da xestión do Pazo de Meirás e só hai que ver "a forma máis adecuada", que podería ser unha cesión ou unha transferencia de titularidade.
En todo caso, asegurou que en función do plan de usos do Pazo de Meirás a Xunta dirixirase ao Goberno neste sentido, aínda que antes lle reclama tamén que se faga cargo das obras necesarias para garantir a conservación do mesmo e permitir as visitas públicas "na súa totalidade".
O Goberno galego analizou este luns "os seguintes pasos que se van dar", tras a sentenza do Tribunal Supremo, e en primeiro lugar acordou comunicarlle á Avogacía do Estado que se sumará ao recurso contra a indemnización aos herdeiros de Francisco Franco, "se decide presentalo", porque considera que "procede". Así, a Xunta sumaríase a este proceso, como xa anunciou Rueda hai unha semana.
Pero, ademais, unha vez resolta a titularidade pública do Pazo de Meirás, a Xunta instará o Goberno a permitir "as visitas públicas na totalidade do edificio" e facer as obras necesarias para "garantir a conservación" do inmoble para este novo acceso público.
O Tribunal Supremo confirmou hai dúas semanas a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña e ordenar á familia Franco a devolución ao Estado do pazo, e o Goberno xa avanzou que o Executivo central "dará a batalla" contra a indemnización que o mesmo tribunal recoñece para os herdeiros do ditador polos gastos realizados na propiedade.