A Xunta pide a retirada do proxecto de modificación da ABAU
A Xunta pide a retirada do proxecto de modificación da ABAU
Goberno e conunidades reúnense esta tarde para certificar o atraso dos últimos cambios na ABAU a 2024
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, volveu criticar con dureza este martes o proxecto de modificación da ABAU e manifestou que é o momento de pedir formalmente a súa retirada.
“Creo que é momento xa de pedir de forma formal que se retire este proxecto de modificación porque, en primeiro lugar, exclúe ao 50 por cento dos alumnos que participan na ABAU e porque este proxecto non ten sentido xa que non favorece en ningún caso a igualdade das persoas”, dixo Rodríguez tras un acto no Porriño.
Segundo expuxo o conselleiro, a “debilidade” que sempre se lle achacou á ABAU é que xera desigualdade entre os alumnos en función do territorio da súa procedencia, cuestión que agora “non se corrixe senón que se agrava” polo peso que se outorga na nota final á ‘proba de madurez’.
“É un exame que ata o momento só está a suscitar críticas non só desde a perspectiva política senón desde colectivos de profesores, profesionais e institucións culturais de primeirísimo nivel, como a RAE ou outras academias vinculadas con materias que se desvalorizan absolutamente como a Filosofía, a Historia ou as linguas”, obxectou Rodríguez.
Ademais, o conselleiro criticou o modo en que se está tramitando un proxecto de modificación que nin se votou nin xera consenso.
A principal novidade da proposta ministerial é incluír unha proba de madurez consistente en que os alumnos analicen desde distintas perspectivas un dossier formado por documentos sobre un mesmo tema e respondan a preguntas tipo test, outras a completar e tres de desenvolvemento cun máximo de 150 palabras cada unha, ao redor das materias de Lingua Castelá e Literatura e Lingua Estranxeira.
Na comisión técnica do 2 de decembro acordouse rebaixar o peso da nota deste exame de madurez, pasando do 75 ao 60 por cento do valor da nota, e que non bote a andar no ano 2024.
A ministra de Educación, Pilar Alegría, presidirá este martes unha reunión coas comunidades autónomas para acordar formalmente eses cambios e atrasar a implantación da nova selectividade. de modo que se aplique en toda España no curso académico 2027-2028.
A idea das comunidades e do ministerio é avanzar no maior consenso posible ao redor da fórmula final da ABAU e dar máis tempo aos profesores e aos alumnos para adaptarse aos recentes cambios introducidos a nivel curricular e de organización dos centros tras a entrada en vigor da última reforma educativa.
Durante a reunión da Sectorial de Educación deste martes, a intención é avanzar tamén en como será o exame en 2024, que se prevé inclúa poucos cambios.
O Goberno vai poñer tope ás taxas universitarias
A nova lei do sistema universitario incluirá un mecanismo para pór un tope ás taxas, só poderán manterse ou baixar. Ata agora Goberno e comunidades podían pactar subidas no prezo máximo. Cómpre lembrar que as universidades galegas teñen os prezos máis baixos de toda España. Esta nova lei tamén impedirá aos colexios maiores adscritos á universidade pública segregar por sexos. Manteranse os actuais convenios, pero non se renovarán.
As clases na ESO durarán ata finais de xuño
A Consellería de Educación modifica o calendario das avaliacións e os últimos exames serán xusto antes do 22 de xuño. O ano pasado remataran xa o día 5 e os que aprobaran todo permaneceran nas aulas sen facer nada, o que xerara malestar entre os pais. A decisión debaterase o xoves na mesa sectorial docente.