Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta arquiva o proxecto de Altri tras a decisión do Goberno de excluílo da rede eléctrica

A Xunta arquiva o proxecto de Altri tras a decisión do Goberno de excluílo da rede eléctrica

"Estaba en mans do Goberno central dar enchufe á compañía; se non hai conexión coa subestación, o proxecto queda arquivado", avanza a conselleira de Economía e Industria

Lorenzana non desbota que se poida retomar o proxecto nun futuro, pero veo "difícil", e lembra que ata 2030 non será a próxima planificación 

Ulloa Viva, BNG e PSdeG celebran o arquivo e Greenfiber di estudar “diferentes opcións” para a conexión á rede

Proxecto Gama, que planea Altri para Palas de Rei (Lugo) -GREENFIBER-Arquivo Proxecto Gama, que planea Altri para Palas de Rei (Lugo) -GREENFIBER-Arquivo
G24.gal 20/02/2026 11:09 Última actualización 20/02/2026 14:38

A conselleira de Economía e Industria avanza que a Xunta iniciou o proceso para arquivar o expediente do proxecto industrial de Altri en Palas de Rei tras a decisión do Goberno de excluílo da planificación enerxética ata 2030. María Jesús Lorenzana explica que o fará porque, a empresa non foi quen de cumprir cos requisitos técnicos e xustificar a conexión á rede da factoría que proxectaba no concello lugués de Palas de Rei.

"Estaba en mans do Goberno central dar enchufe á compañía. O arquivo e caducidade vai vinculada á falta de conexión; se non hai conexión coa subestación, o proxecto queda arquivado", asegurou durante unha visita á empresa Maderas Besteiro, situada en Lugo.

Lorenzana non pecha a porta a que o proxecto se poida retomar nun futuro, aínda que o ve "difícil". Lembra que a próxima planificación non se efectuará ata dentro de catro anos; polo tanto, "ata 2030 en que se producirá a seguinte planificación, a provincia de Lugo non poderá ter ningún tipo de industria".

A conselleira explica que "esta mesma semana" comunicóuselle á empresa que ten tres meses, o prazo que marca a lei, para que "xustifique a conexión" que presentara no proxecto. Se non consegue facelo, "procederase de forma automática ao arquivo formal do expediente de Altri".

Ulloa Viva acolle con “alegría, cautela e rabia” o inicio do arquivo do proxecto de Altri

A plataforma Ulloa Viva, constituída para opoñerse ao proxecto industrial de Altri no municipio de Palas de Rei (Lugo), acolleu este venres con “alegría, cautela e certa rabia” o anuncio por parte da Xunta do inicio do arquivo do expediente relativo a esa macrocelulosa.

Con alegría porque “realmente esta plataforma naceu co obxectivo de que este proxecto industrial non arrasase coa comarca da Ulloa", explica a portavoz Marta Gontá; con rabia, porque o arquivo non debía deberse á imposibilidade de que a fábrica conte cunha subestación eléctrica, senón co feito de que é un proxecto "malo para as persoas, malo para a saúde, para o medio ambiente e porque empobrece Galicia”; en con cautela porque "xa sabemos que durante os últimos catro anos houbo moitas mentiras".

A voceira da plataforma precisa que “o noso equipo xurídico seguirá traballando, con independencia destas declaracións, ata que sexa un feito real que o proxecto de Altri quedou definitivamente descartado”.

Greenfiber di estudar “diferentes opcións” para a conexión á rede

A sociedade Greenfiber, participada pola multinacional lusa Altri e promotora do proxecto Gama en Palas de Rei, asegura que está a estudar “diferentes opcións técnicas para a conexión á rede eléctrica” do complexo industrial, “independentemente da planificación futura de Rede Eléctrica Española”.

Sinalouno nun comunicado emitido despois de que a Xunta anunciase o inicio do proceso para o arquivo do expediente do proxecto.

Greenfiber “está convencida de que a decisión” do Goberno central de excluír o proxecto Gama da planificación eléctrica “ten un carácter político e non técnico, na medida en que non se lle achegou ningunha explicación técnica que xustificase esa exclusión”.

De feito, a sociedade promotora da planta confirma que xa presentou alegacións que, ata o momento, non recibiron contestación por parte do Ministerio.

Neste momento, a empresa está a estudar a comunicación da Xunta de Galicia en relación co inicio do procedemento de arquivo do expediente e, “como non pode ser doutra maneira, resérvase o dereito de presentar as alegacións que considere oportunas”, precisa.

Pontón ve o arquivo de Altri como "un triunfo da cidadanía"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo en valor a mobilización contra a macrocelulosa que implicou a fin dun “proxecto nefasto” para Galicia co que hoxe se logra ademais “un triunfo da cidadanía”.

En conferencia de prensa, a nacionalista considerou que o arquivo non se debe a unha “cesión” da Xunta nin do PP, senón que é o resultado dunha “presión social sostida” que condicionou este desenlace na que a cidadanía persistiu “sen renderse nunca”.

“Podemos dicir que o pobo é quen máis ordena”, destacou Pontón tras coñecer a decisión.

Neste sentido, tamén reivindicou o papel da súa formación e dixo estar “moi orgullosa do BNG” dado que desde o momento en que se coñeceu “o alcance real” deste proxecto, opúxose ao mesmo para poñerse “de lado do pobo”.

Finalmente, Pontón apuntou que esta decisión debe supoñer un punto e a parte na política industrial do Goberno galego que debe abandonar os proxectos de “franquismo industrial” e traballar no impulso de iniciativas de “futuro”, que xeren emprego e cren riqueza, pero que tamén coiden o medio ambiente.

Besteiro celebra o arquivo e insta a Rueda a ser transparente a pedir perdón

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou este venres o inicio do arquivo do expediente relativo á macrocelulosa, pero pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que sexa transparente respecto a o sucedido e tamén a “pedir perdón” polo seu apoio ao mesmo.

Besteiro dixo que a decisión que supón “sen dúbida unha vitoria para Galicia” na que, reivindicou, foi de especial relevancia a actuación do Goberno central que negou axudas a esta iniciativa ao entender que non se axustaba aos parámetros que require unha industria moderna e beneficiosa para o territorio.

Lembrou que o Executivo de Pedro Sánchez decidiu non apoiar este proxecto porque non cumpría “os parámetros económicos, sociais e ambientais” necesarios para ser beneficiario dos fondos que solicitaba polo que desde o Estado púxose “freo” a un proxecto “que nin Galicia merecía nin quería”.

Fronte a iso, supón ademais, “o fracaso da política industrial de Rueda” debido a que “Altri era o seu proxecto estrela” pese ao rexeitamento social que existía, polo que agora “debe pedir perdón”.

Para Besteiro, Altri “era unha operación política sen base industrial sólida”, e os socialistas reclaman “transparencia” por parte da Xunta para que dea a coñecer “que compromisos concretos adquiriu coa empresa” para o que pide “luz e taquígrafos sobre eses pactos secretos”.

Ao fío desta cuestión, Besteiro preguntou “que incentivos ou que garantías públicas se chegou ofrecer” xa que é importante coñecer se agora “esta aposta errada” terá custos económicos para a cidadanía.

Por último, Besteiro chamou a non deixarse convencer pola “política do medo” que promove o PP respecto ao futuro industrial xa que “é falso que o arquivo deste proxecto deixe sen futuro industrial á provincia de Lugo e a Galicia”.

O Goberno di que para a planta de Altri era necesaria “infraestrutura específica”

A Delegación do Goberno en Galicia aclarou este venres que “para atender unha demanda do calibre” da que expuña a fábrica de Altri no municipio lucense de Palas de Rei, sería necesario construír “unha infraestrutura específica” para a súa conexión á rede eléctrica.

Nun comunicado, precisa que “se o proxecto, que tiña moita incerteza, non se materializaba finamente, construiríase unha rede innecesaria, un activo varado, pagado polos consumidores”.

Ademais, subliña que a proposta de "Planificación de Electricidade 2025-2030 realizouse con criterios técnicos que teñen en conta a complexidade do territorio e os seus condicionantes económicos, sociais e ambientais para proxectar as futuras infraestruturas”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade