Ás voltas coas rotondas tras case 50 anos de existencia
Respectar a velocidade, a prioridade de paso e evitar cambios bruscos de carril son as claves principais para unha conducción axeitada por elas
"A lei está mal, dinche que sempre vaias pola dereita, entón o que non calculo é por que fan dous carrís se o único que ten dereitos é o da dereita", comenta un condutor.
Hai 47 anos que se construíu a primeira en España e as rotondas seguen sendo tema de debate e fonte de conflitos polos sinistros que nelas se producen. Pero cal é o erro que máis cometemos?
"O erro máis común é entrar ao carril esquerdo e saír directamente cortando o dereito, sen mirar. Este señor ou señora o que debería facer é colocarse no carril dereito e desde aquí iniciar. En todo caso, se entrase neste carril debería dar volta e colocarse no exterior e logo cando poida saír", explica Fernando Alonso., profesor de educación viaria.
Máis que unha falta de formación, dende as autoescolas, insisten en que é un problema de actitude.
"Habitúanse ao fácil, a cruzar as rotondas polo medio" apunta un señor.
E que fan moitos para evitar ter dúbidas?
"Collo sempre o carril de fóra e punto", comenta outro.
Cada certo tempo nas redes sociais aparecen informacións recordando a forma correcta de circular polas rotondas. A última un chío da Policía Nacional cun gráfico ilustrativo. O obxectivo é reducir a sinistralidade e os sustos que se repiten con frecuencia.
"Golpes non, pero sustos si levei bastantes", di un condutor.
"Pouco máis e me volven dar na rotonda aquí abaixo, saen todos lanzados e pensan que todo é deles e cando lles marcas o intermitente para meterte pasan de longo, non frean nin nada. Tes que cravar ti o freo e o de atrás cravalo tamén", quéixase outro.