Publicador de contidos

Publicador de contidos

A vítima do crime de Barro sufriu oito ou nove anos de acoso do suposto agresor, segundo a familia

A vítima do crime de Barro sufriu oito ou nove anos de acoso do suposto agresor, segundo a familia

A Fiscalía pide 24 anos de cárcere para José Eirín por asasinato

G24.gal 12/03/2024 19:59 Última actualización 12/03/2024 20:40

A familia de Jessica Méndez, a moza asasinada en marzo de 2022 en Barro, Pontevedra, di que se sentía "vixiada" polo home acusado de matala.

Segundo a familia, José Eirín acosábaa "practicamente todos os días" durante "oito ou nove anos".

Así o relataron ante o tribunal a parella, os irmáns e os pais da vítima na segunda xornada do xuízo a Eirín.

"Espiábaa, mirábaa e vixiábaa", explicou o pai da moza. O home asegurou que esta situación de acoso, que nunca denunciaron, comezou cando Jessica residía aínda na casa familiar e continuou cando se mudou a vivir co seu noivo ao municipio veciño de Portas.

José Eirín, afirman os familiares da vítima, vixiábaa en "todos os lados e acotío" e, segundo o seu noivo, díxolle en dúas ocasións: "Se non es para min, non es para ninguén".

A parella de Jessica afirmou que esa frase non lle "esquece máis na vida", especialmente porque cando chegou ao lugar en que Eirín dirixiu mortalmente o seu vehículo contra o coche da moza, o que fixo foi rirse del na súa cara.

O irmán da vítima, pola súa banda, asegurou que ela se sentía vixiada cada vez que estaba na casa e cada vez que saía, e tanto el como a súa nai vírono a el saltar o muro de acceso á leira familiar ou o portal da vivenda "unha chea de veces".

"Quedábaa mirando e, en canto ela o vía, botaba a correr", engadiu a irmá de Jessica.

Polo tribunal pasou tamén o cuñado do acusado, amigo da moza asasinada. El destacou que en "numerosas ocasións" avisou a falecida de que a estaba acosando e que o día do accidente o viu roldando pola súa casa.

O xuízo continuará este mércores, segundo a programación prevista, coa declaración de nove gardas civís, cinco peritos e dous médicos forenses. 

A Fiscalía pide 24 anos de cárcere para José Eirín por asasinato.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade