A UE recomenda pedir probas de covid aos viaxeiros procedentes da China
Aconsella unha proba de covid-19 negativa realizada non máis de 48 horas antes da saída do país asiático
A Unión Europea avanzou este mércores cara á esixencia de probas negativas de covid-19 a todos os viaxeiros da China que cheguen a territorio comunitario, en resposta á auxe de contaxios no xigante asiático.
"Recoméndase encarecidamente aos Estados membros que introduzan, para todos os pasaxeiros procedentes de China (...) o requisito dunha proba de covid-19 negativa realizada non máis de 48 horas antes da saída", di un comunicado difundido tras unha reunión do grupo de Resposta Política Integrada ás Crises.
Nesa reunión, na que participan os países do bloque, as institucións comunitarias e outros expertos, a UE acordou "un enfoque de precaución coordinado", á luz da propagación do coronavirus en China e tendo en conta "a necesidade de datos suficientes e fiables e a relaxación das restricións de viaxe" por parte do país asiático a partir do próximo 8 de xaneiro.