A U. D. Ourense ascende á Segunda RFEF con tres xornadas de antelación
O equipo ourensán conseguiu contra o Silva o punto que precisaba para proclamarse campión da Terceira
A U. D. Ourense xa é equipo da Segunda Federación. Por primeira vez na historia, o conxunto ourensán creado tras a desaparición do C. D. Ourense en 2014 militará nesa categoría, despois dunha temporada espectacular que culmina co campionato do Grupo Galego de Terceira e co ansiado ascenso.
O cadro que adestra Borja Fernández acadou o punto que necesitaba no campo do Silva, nun encontro en que se adiantou cun gol de Luismi aos sete minutos. Axiña igualou para os coruñeses Carlos. Quedaba practicamente todo o partido, pero o marcador xa non se moveu.
Co asubío final, desatouse a tolemia por parte do medio milleiro de afeccionados que acompañou o equipo ourensán. As celebracións por este primeiro ascenso a unha categoría estatal durarán aínda toda a xornada e trasládanse pola tarde á Cidade das Burgas.