A Sarriana destitúe a Iván Carril como adestrador
Todo apunta a que o substituto será Dani Giménez, exxogador do Deportivo
A SD Sarriana e o adestrador Iván Carril puxeron fin á súa relación profesional, unha etapa que comezou no pasado mes de xullo, cando o técnico asumiu o liderado do primeiro equipo tras o histórico ascenso á Segunda Federación. Xunto a el, tamén abandonan a entidade Borja Collar, Adrián Baamonde e Javier Pampín, integrantes do seu corpo técnico.
O presidente do club, nunha entrevista para a Radio Galega, asegurou que "xa tomáramos a decisión antes da vitoria co Ávila", e que os motivos desa decisión foron "problemas de xestión do grupo".
Carril deixa o club cun balance de catro vitorias e cinco derrotas, co equipo na 9ª posición.
O club sarriao comunicou que a decisión implica o inicio dunha nova etapa deportiva, agradecendo a Carril e ao seu equipo “todo o seu traballo neste arranque dun curso histórico para a nosa vila” e desexándolles “todo o mellor no seu futuro profesional”.
A entidade traballa agora na procura dun novo responsable para dirixir ao conxunto na súa esixente tempada de debut na categoría, na que o obxectivo pasa por consolidar a permanencia. O equipo afrontará o seu próximo compromiso ligueiro este domingo 9 de novembro ante o Marino de Luanco.