Os mellores socorristas, na praia de Razo
A praia de Carballo acolle o Campionato de España de Verán de Salvamento e Socorrismo
Máis de 600 deportistas compiten nas probas da competición e comparten experiencias
Por terra e por mar. Os mellores socorristas e as futuras promesas comparten experiencias e probas nun espazo natural como poucos. A praia de Razo é todo un reto.
"Este deporte aspira a ser olímpico e a facer unha proba en augas abertas en Australia. As condicións máis parecidas son as desta praia de Razo", explica a presidenta da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, Nuria Rodríguez.
É a mellor preparación para moitos rapaces que se forman todo o ano para ser socorristas nun futuro cercano. Coma Antía que ven da Laracha.
"Vou co meu club adestrar á praia e preparamos alí as probas. Agora estámonos especializando na proba que se nos dá mellor".
Ela acaba de conseguir unha medalla e tres acumula Lluc: "Son deportes que axudan para o día de mañá ser socorristas".
A competición está tendo ademais unha importante repercusión turística na Costa da Morte. "En setembro xa no hai tanto turismo. E é moita xente aloxada aquí. Máis de 600 participantes, máis as familias" asegura Nuria Rodríguez.
Hoxe rematan as probas xuvenís e júnior e de cara á fin de semana será a elite dos socorristas quen tome o testemuño.