A polémica polos trens de Asturias e Cantabria chega ao Congreso
O PP pídelle á ministra de Transportes que asuma responsabilidades
A polémica polo erro nas medidas dos máis de 30 trens que se van destinar a renovar o servizo de proximidade en Asturias e Cantabria chega ao Congreso. Na sesión de control, o Partido Popular esixiulle responsabilidades á ministra de Transportes polo que considera unha mostra da incompetencia do Goberno.
"Agóchase no cesamento de dous señores que pasaban por alí. Como vostede non vai dimitir porque prefire ser a burla dos españois, cesamento á que era daquela o presidente do ADIF que agora é a súa Secretaria de Estado porque ocultou o erro durante dous anos".
Raquel Sánchez recoñece que houbo un erro, pero di que se deron todas as explicacións.
"O que toca é pedir desculpas, dar a cara e depurar responsabilidades. Asegúrolle que se van determinar as responsabilidades correspondentes unha a unha, ata as últimas consecuencias".
O grupo de traballo que se encargará do seguimento deste proxecto quedará constituído esta tarde en Santander cos representantes das comunidades afectadas.
Os presidentes de Asturias e Cantabria piden que se clarifique a situación na que está o servizo de proximidade e que se axilicen os prazos para poder contar cos novos trens canto antes.