A OTAN afronta en Madrid os seus maiores retos desde a Guerra Fría
A Alianza Atlántica definirá os seus obxectivos para a próxima década
Na cea celebrada este martes serviuse viño galego
O mundo enteiro ten todas as olladas postas en Madrid, onde se celebra o cumio da OTAN. Durante dous días o recinto do Ifema acollerá as 44 delegacións internacionais que van a participar no cumio. Os primeiros en achegarse ata alí foron o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, acompañado polo secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg.
Cunha guerra ás portas da Alianza Atlántica, o encontro considérase o máis importante desde os anos noventa. Del sairá a folla de ruta da OTAN para os próximos dez anos. Precisamente o reforzo militar da OTAN para actuar en caso de ameaza será un dos temas centrais deste cumio.
Na súa primeira comparecencia o secretario xeral comprometía máis apoio militar para Ucraína. Sánchez destacaba a importancia desta cita para España, a primeira na historia da OTAN, que reúne tantos xefes de Estado, 41. E insistía na mensaxe de unidade non só dos aliados senón tamén dos membros da Unión Europea ante os novos desafíos.
"Democracias que se unen para defender los valores que nos unen que son los de la libertad, de la pluralidad política, de los derechos humanos", dicía Sánchez.
"A nova folla de ruta para a OTAN nun mundo máis perigoso: acordar cambios importantes na nosa defensa e disuasión para estar máis preparados máis activos. Tamén imos acordar un paquete de medidas para axudar a Ucraína", aseguraba Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN.

Buscan os líderes da Alianza redefinir unha estratexia nun cumio histórico por desenvolverse nun escenario bélico. A invasión de Ucraína estará presente en case todos os debates, abordarase o impacto da guerra sobre os prezos e sobre os problemas de seguridade enerxética e alimentaria.
Malia que Ucraína non forma parte da Alianza o seu presidente, Volodímir Zelenski, intervirá por videoconferencia, neste cumio en que se traballará para apoiar o seu país e que poida defenderse de Rusia.
Entre os obxectivos está tamén reforzar o leste de Europa con máis tropas, 300.000 efectivos, a maior despregadura dende a Guerra Fría e a adhesión de Finlandia e Suecia que buscan protexerse de Rusia, a OTAN agarda que Turquía facilite a súa entrada.
No cumio participan tamén catro países socios da OTAN, pero non aliados como O Xapón, Corea do Sur, Australia e Nova Zelandia, países que coñecen ben outro país que será gran motivo de discusión: A China e o seu achegamento ao réxime de Vladímir Putin.
Un cumio que mirara ao sur, deben facer fronte ao aumento de núcleos terroristas e os problemas derivados da inmigración na zona máis próxima do flanco sur de Europa. España quere que a OTAN protexa ademais as fronteiras de Ceuta e Melilla.
Tamén se tomarán decisións sobre ameazas híbridas e a ciberseguridade. O gasto militar dos países da OTAN e o cambio climático serán outros asuntos que se discutirán.
Máxima seguridade en Madrid
Varios dos líderes mundiais que van participar no cumio xa están en España e outros irán chegando ao longo do día. Hoxe é unha xornada de moita actividade nos aeródromos madrileños.
Os primeiros en aterrar foron o primeiro ministro de Australia e a primeira ministra de Nova Zelandia, pero a chegada máis agardada é a do presidente dos Estados Unidos, que chegará a Madrid a primeira hora da tarde. Encabeza unha delegación conformada por máis de mil persoas. Hoxe mesmo reunirase co rei Filipe VI e tamén co presidente do Goberno.
Ata Madrid desprázanse os líderes dos 30 países que forman parte da OTAN e tamén os outros dez países invitados. En total, no cumio participarán 5.000 persoas, e para seguilo, están acreditados 2.000 xornalistas.
Cando se cumpren 40 anos da entrada de España na OTAN, Madrid é xa unha cidade acoirazada coa maior despregadura de seguridade da historia.
A capital de España segue en fase crítica, blindada polo intenso traballo dos máis de 10.000 axentes encargados da seguridade. Á vista están os policías e gardas civís de a pé, pero tamén traballan na sombra, no IFEMA, os encargados da ciberprotección contra ataques informáticos. Na fronteira entre Galicia e Portugal tamén se efectúan rexistros continuos.