A música dos 90 será protagonista en 'Todo empeza hoxe', a gala de fin de ano da TVG, presentada por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar
A música dos 90 será protagonista en 'Todo empeza hoxe', a gala de fin de ano da TVG, presentada por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar
Contará coa participación de artistas destacados desa década, como Marta Sánchez, Azúcar Moreno, Los Limones, OBK, Rebeca, La Década Prodigiosa e Los Manolos
Boris Izaguirre e Lalo Penelas, o chapuzas do ‘Luar’, terán presenza destacada nun programa especial que retransmitirá en directo desde a praza do Obradoiro as 12 badaladas coas que se lle dará a benvida ao 2026
Boris Izaguirre (1), Xosé Ramón Gayoso (2), Aitana del Mar (3) e Xosé A. Touriñán (4)
Televisión de Galicia despide esta noite o 2025 cunha Gala de Fin de Ano titulada ‘Todo empeza hoxe’ (21:40 horas), que será presentada por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar e que contará coa presenza destacada de Boris Izaguirre e de Lalo Penelas, o chapuzas do programa ‘Luar’, interpretado por Xosé A. Touriñán.
A gala terá como protagonista a música dos 90, coa participación de artistas destacados desa década. Ademais, ao longo da noite, presentadores e convidados irán abrindo unha cápsula do tempo daquela época que leva gardada na TVG todos estes anos.
Deste xeito, unha das grandes estrelas da música española, Marta Sánchez, que neste 2025 conmemorou os seus 40 anos de carreira, deleitará os espectadores coa súa potente voz e con temas como ‘Desesperada’, un dos grandes hits dos anos 90.
Tamén estarán neste programa especial as Azúcar Moreno. As irmás Antonia e Encarna Salazar levan xa máis de 40 anos no mundo da música, consagradas como o dúo máis exitoso de toda unha xeración. A súa canción ‘Bandido’, que interpretarán na festa de Fin de Ano da Galega, foi un dos grandes fitos desa década, ao conseguir o quinto posto no Festival de Eurovisión de 1990.
A Eurovisión tamén foi, a finais dos 80, La Década Prodigiosa, unha das formacións máis lonxevas do panorama musical español, con case 40 anos de vida e máis de cinco millóns de discos vendidos. Déronse a coñecer por temas en que combinaban os éxitos de distintos períodos e representaron a España no certame europeo da canción con ‘Made in Spain’, que hoxe poderán lembrar os espectadores da Televisión de Galicia.
Outro dos grupos que pasará polo escenario é a histórica banda ferrolá de pop-rock Los Limones, que, como non podía ser doutro xeito, espertará a nostalxia da audiencia e do público co seu mítico tema ‘Ferrol’, que foi un himno para toda unha xeración.
Ademais, actuará en ‘Todo empeza hoxe’ OBK, que naceu a principios dos 90 como dúo pioneiro do pop electrónico en España. Influenciados pola banda británica Depeche Mode, comezaron a facerse oco na escena musical co seu estilo fresco e vangardista e con grandes éxitos como ‘Historias de amor’ e ‘El cielo no entiende’, que interpretarán hoxe.
Nesta noite de festa tamén será protagonista o enérxico ritmo da rumba catalá, que traerán Los Manolos, o grupo con aires retro que triunfou durante os Xogos Olímpicos do 92 coa apegadiza canción ‘Amigos para siempre’, da que venderon máis de medio millón de copias. Pasados máis de 30 anos do soño olímpico de Barcelona, seguen subindo ao escenario con máis ganas ca nunca, dispostos a achegar a ledicia e a festa nas súas actuacións.
Outra icona dos 90 que estará presente na gala da TVG é a cantante e compositora Rebeca, co seu tema máis coreado, ‘Duro de pelar’, que lle valeu para posicionarse nos primeiros postos das listas de éxitos en España e Hispanoamérica.
Os éxitos desa década tamén chegarán da man de dúas das orquestras máis importantes do país: Olympus e El Combo Dominicano. Ademais, o programa fará un repaso dos maiores hits dos 90, como, entre outros, ‘Livin´la vida loca’, de Ricky Martin; ‘Everybody’, dos Backstreet Boys; ‘Baby one more time’, de Britney Spears; ‘Wannabe’, das Spice Girls; ‘Barbie Girl’, de Aqua; ‘Believe’, de Cher, e ‘Black or white’, de Michael Jackson.
Eva Iglesias, Aitana del Mar, Arturo Fernández e Eddy Insua á fronte das badaladas
Eddy (1), Eva Iglesias (2), Aitana del Mar (3) e Arturo Fernández (4)
No medio da festa, a presentadora Aitana del Mar desprazarase á praza do Obradoiro, coa que se conectará arredor das 23:30 h para seguir os emocionantes instantes previos e retransmitir as badaladas da Berenguela, coas que os espectadores galegos lle darán a benvida ao ano 2026. Nesta ocasión serán Eva Iglesias, Aitana del Mar, Arturo Fernández e Eddy Insua quen despida o ano coa audiencia galega. A súa proximidade e carisma serán os ingredientes perfectos para recibir o novo ano por todo o alto.
Nestes intres previos ás badaladas, os catro presentadores da canle pública galega moveranse entre as cubertas da catedral e o impresionante ambiente da praza do Obradoiro, onde estará preparada tamén a orquestra Cinema. Tras as badaladas retomarase a ‘Gala de Fin de Ano’, o especial de música e festa que a TVG programa para a última noite do ano.