A mellor versión visitante do Deportivo asalta o Tartiere (1-2)
O equipo de Gilsanz saca o Oviedo de postos de ascenso directo cun gol de Ximo Navarro no engadido
Hai un Deportivo en Riazor e outro moi diferente cando xoga como visitante. En Oviedo apareceu a mellor versión fóra da casa do cadro coruñés. Seguro no aspecto defensivo e letal xogando á contra con espazos. Nun partido no que non houbo demasiadas oportunidades apareceu Ximo Navarro -xa leva catro goles o lateral- para marcar o gol do triunfo no engadido.
O Oviedo quería manter o primeiro posto da clasificación, pero para iso só lle valía a vitoria. Entramos nun treito do campionato moi perigoso no que a presión pode afundir a calquera equipo. O conxunto asturiano atopouse cun rival moi serio que conseguiu adiantarse no minuto 23 cun gran gol de Mario Soriano.
Non pasaba apertos o Deportivo, pero antes do descanso empatou o Oviedo noutra xogada a balón parado que culminou Ilyas. Mereceu marchar o Dépor cun mellor resultado ao vestiario, pero Soriano fallou no 45 unha oportunidade moi clara.
Durante vinte minutos non se viu nada en ataque no segundo tempo. Ata que apareceu Yeremay cun remate desviado. O Oviedo tivo o triunfo no 75 nunha oportunidade clarísima de Alemao. Quitando os goles, a mellor do partido. Atacaba o cadro asturiano pero dun xeito tímido consciente do que podía acontecer si deixaba unha carreira do Deportivo. E chegou no engadido da segunda metade. Ximo Navarro marcou no segundo lanzamento e acabou por darlle un triunfo que deixa a permanencia a tiro de pedra.