A matanza do porco achégase ao remate da tempada cunha fin de semana intensa
As familias aproveitan estes días para aprovisionarse de carne para o resto do ano
As últimas semanas do outono delimitan o final da tempada da matanza do porco e esta fin de semana é a de maior actividade, unha época nas que as familias tentan xuntarse para abastecerse de carne de calidade e económica para o resto do ano.
"Esta fin de semana coincidía co frío necesario para que a carne cure", relata Juan José Gómez, presidente de veterinarios de Ourense.
Unha tradición que vén cambiando nos últimos anos, comprando os porcos a cebadeiros que completan case todo o proceso.
"O que llos vende ten todo o sistema de insensibilización e practicamente xa llos entrega sacrificados", comenta Juan José Gómez.
Reducir o sufrimento do animal protagoniza dende os últimos anos o proceso da matanza. A outra cuestión é recorrer á análise da carne nos servizos veterinarios para detectar a presenza da triquina, que pode ter efectos graves.
Mais este ano a preocupación está na irrupción da peste porcina africana, descuberta en Cataluña. Dende o campo da saúde alimentaria, os especialistas ofrecen unha perspectiva acougada.
"A peste porcina africana baixo ningún concepto afecta ao ser humano. No hipotético caso de que se fixera un embutido e se consumira ao ser humano non lle pasaría nada. A xente pode seguir matando o porco para casa con total tranquilidade, como sempre se fixo", incide o presidente do Colexio de veterinarios de Ourense.
Tras a matanza toca o sangrado, o chamuscado das sedas, e posterior despece para o salgado e afumado do que nunhas semanas converteranse en chourizos e carne cos que combater o frío inverno.