A maltesa Roberta Metsola converterase na presidenta do Parlamento Europeo co apoio dos tres grandes grupos
A maltesa Roberta Metsola converterase na presidenta do Parlamento Europeo co apoio dos tres grandes grupos
Metsola converterase na terceira muller en presidir a Eurocámara e a persoa máis nova en chegar ao posto

O Parlamento Europeo elixe este martes a súa nova presidenta para os dous anos e medio que quedan da lexislatura 2019–2024, que substituirá ao recentemente falecido David Sassoli.
A conservadora maltesa Roberta Metsola será a elixida ao contar co apoio dos tres grupo máis importantes da Cámara, populares, socialdemócratas e liberais.
Metsola converterase na terceira muller en presidir a Eurocámara e na persoa máis nova en chegar ao posto.
Tras semanas de negociacións entre os tres grupos, os socialdemócratas e os liberais anunciaron o luns pola tarde que apoiarían a candidata popular; no caso da bancada socialista, a cambio de máis peso entre as 14 vicepresidencias da institución e outros cargos de liderado na Eurocámara.
Ademais de Metsola, os outros tres deputados que se postularon ao cargo, aínda que virtualmente sen opcións, son a sueca dos Verdes Alice Bah Kuhnke, a española da Esquerda Sira Rego e o conservador polaco Kosma Zlotowski.
A xornada comeza ás 09:00 horas cunha presentación ante o hemiciclo de cada un dos candidatos, tras a que se celebrará a primeira rolda de voto ás 09:30 horas e durará 45 minutos. O voto emitirase de maneira telemática debido á pandemia, polo que o resultado non se coñecerá ata as 11:00 horas.
A candidata necesita obter unha maioría absoluta de votos válidos emitidos (a metade máis un) para ser elixida; de non lograrse esta marxe en primeira rolda, celebraríanse unha segunda e unha terceira, a que poden volver presentarse os mesmos candidatos e cuxos resultados se anunciarían ás 13:00 e 16:30 horas respectivamente.
A unha eventual cuarta rolda só poderían presentarse os dous candidatos que obtivesen máis apoios na terceira rolda. Este resultado coñeceríase ás 18:30 horas.