A incidencia en España sobe a 82, un 40 % máis que a principios de mes
País Vasco e Navarra soben ao risco alto de transmisión
A incidencia máis elevada rexístrase nos menores de 12 anos, no grupo de 40 a 49 e no de 30 a 39
A pandemia suma este luns 9.798 novos contaxios, cun novo incremento da incidencia acumulada de 10,5 puntos, ata 82, que supón un 40 % máis que a principios de mes. A situación segue sen repercutir nas UCI, onde a ocupación é do 4,6 %, tres décimas máis que o venres, pero aínda por baixo do limiar de risco do 5 %.
Segundo a actualización de datos do Ministerio de Sanidade, desde o venres notificáronse 43 falecementos, que elevan a cifra total a 87.716.
Os menores de 12 anos non vacinados rexistran a incidencia máis elevada (119,1), seguidos pola franxa de idade de 40 a 49 anos (95,8). Ademais, tamén o grupo de 30 a 39 acumula unha transmisión superior á media (86,6).
Nas unidades de coidados intensivos hai este luns 427 enfermos, 23 máis que o venres. Ademais, nos hospitais son 2.180 os ingresados con covid–19, 134 máis que o venres, o cal xera unha ocupación do 1,7 %, dúas décimas máis que hai tres días.
Por territorios, Navarra encabeza os de maior incidencia, con máis de douscentos casos, seguido por Euskadi. O Goberno vasco recuperará a partir de hoxe as medidas restritivas.
Na Comunidade Valenciana, o presidente Ximo Puig descartou a curto prazo a implantación de novas restricións, pero si se mostrou favorable a esixir o certificado covid para acceder a determinados espazos públicos.
Tanto Puig coma Urkullu fan un chamamento a que a xente non vacinada se vacine. Precisamente, a maioría dos hospitalizados en España non se vacinaran. Seis de cada dez.
Tamén en Galicia, onde a incidencia se sitúa en 47 casos por cen mil habitantes. A repunta, con todo, de momento nótase pouco na presión hospitalaria. Inda que hai que lamentar nas últimas horas o falecemento dunha muller de 58 anos en Ferrol sen patoloxías previas e outra de 85 en Ourense.
As áreas sanitarias da Coruña e de Ourense son as máis afectadas pola repunta. O conselleiro de Sanidade non descarta tomar novas medidas, pero insiste en que non será polo de agora.
Galicia está a un paso de entrar en risco medio. Con todo, as autoridades confían en que con preto do 95 % da poboación diana vacinada o aumento dos contaxios non teña consecuencias tan graves coma en vagas anteriores.
Nestes momentos, en toda España, a situación non é a mesma ca hai un meses. O 80 % da poboación ten a pauta completa. Así que, Sanidade estuda modificar o semáforo covid que establece o risco de transmisión para adaptalo á nova realidade.
A Comisión de Saúde Pública vai estudar hoxe este cambio de paradigma que elevaría o risco baixo de transmisión, que agora se sitúa por debaixo dos cincuenta casos, aos cen casos por cen mil habitantes.