Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido un veciño do Grove nunha operación contra o tráfico de inmigrantes e drogas

Detido un veciño do Grove nunha operación contra o tráfico de inmigrantes e drogas

O arresto produciuse en Ourense e forma parte dun total de 30 detencións

Ao abeiro da operación Ranger xa se produciron 23 rexistros domiciliarios en Almería, Málaga, Melilla, Pontevedra e O Campo de Xibraltar

G24.gal 10/01/2024 11:16 Última actualización 10/01/2024 19:18

Un veciño do municipio do Grove é un dos detidos nun operativo desenvolvido pola Garda Civil en Galicia, Andalucía e Melilla contra un grupo dedicado ao tráfico de droga e persoas.

O arresto produciuse este mércores en Ourense, onde este individuo foi localizado despois de que un grupo de axentes da Garda Civil se presentara no seu domicilio.

En total, neste operativo a Garda Civil detivo trinta persoas, a maioría na comarca gaditana do Campo de Xibraltar.

Todas están supostamente relacionadas cunha rede de narcotráfico e introdución de inmigrantes de forma clandestina.

A operación incluíu 23 rexistros paralelos en varias provincias españolas, entre elas Pontevedra. 

Segundo informaron fontes do instituto armado, trátase da organización criminal máis activa actualmente no Campo de Xibraltar respecto ao tráfico de cocaína e haxix, que ademais diversificara o “negocio” introducindo inmigrantes de forma clandestina a través de Almería e o Campo de Xibraltar.

Durante a operación, desenvolta desde as cinco da madrugada, leváronse a cabo rexistros nas provincias de Almería, Pontevedra, Málaga, Cádiz e na cidade autónoma de Melilla. En Cádiz, os rexistros focalizáronse no Campo de Xibraltar.

Con carácter previo a estes rexistros, os axentes incautáronse de 525 quilos de cocaína e preto de 2.700 quilos de haxís. 

A operación Ranger, que está coordinada pola Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Alxeciras, permanece aberta, polo que non se descartan máis detencións nas próximas horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade