Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Garda Civil investiga unha muller por dous incendios forestais en Laxe

A Garda Civil investiga unha muller por dous incendios forestais en Laxe

Un vídeo mostra a muller provocando un dos incendios cun chisqueiro

Xa houbo outras detencións por esta razón en Muxía, Celanova e Velle

(Garda Civil) (Garda Civil)
G24.gal 13/08/2025 14:13

A Garda Civil está a investigar unha muller de 34 anos, veciña de Cee, como suposta autora de dous incendios forestais en Boaño, municipio de Laxe.

Segundo a Benemérita, a Patrulla do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) de Arteixo iniciou as pescudas tralo incendio do 9 de agosto.

Grazas á inspección ocular e a declaracións de testemuñas puideron situar a investigada. As indagacións tamén vinculan a sospeitosa cun incendio anterior, do 31 de xullo do 2024, na mesma zona.

A proba máis clara é a dun vídeo recibido pola Garda Civil no que a muller provoca o lume cun chisqueiro.

Unha detención sumada a outras

A Garda Civil tamén investigou unha muller de 63 anos por cinco incendios forestais en Muxía, A Coruña.

Segundo o instituto armado, os incendios provocáronse nos días 3, 5, 9 e 11 de agosto.

Hai uns días, un mozo de 28 anos foi detido cando provocaba intencionadamente un incendio en Canibelos, na parroquia de Velle, Ourense.

Tamén foi detida unha persoa a semana pasada como sospeitosa de provocar un incendio en Celanova o 31 de xullo, á que tamén se lle imputa a autoría doutros 20 incendios.

A Garda Civil fai un chamamento á cidadanía para colaborar na protección de bosques e montes, lembrando que calquera actividade sospeitosa ou información sobre un incendio se pode comunicar no teléfono 062.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade