Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía pide 30 anos de cárcere para dous irmáns colombianos polo asasinato dun dominicano en Santiago

A Fiscalía pide 30 anos de cárcere para dous irmáns colombianos polo asasinato dun dominicano en Santiago

A vítima faleceu dous días despois de ser acoitelada en xaneiro do 2023 

Están acusados de senllos delitos de asasinato e de lesións

G24.gal 19/02/2024 09:40

A sección compostelá da Audiencia Provincial acolle entre este luns, 19 de febreiro, e o martes 27 o xuízo oral con xurado popular contra os irmáns colombianos Víctor e Michael Delgado, acusados pola Policía Nacional e a Fiscalía de asasinar a Gregory Furcal, veciño de Santiago e orixinario de República Dominicana que morreu polas múltiples puñaladas que recibiu durante a madrugada do 2 de xaneiro do 2023 na rúa Santiago de Chile.

Segundo o relato da Fiscalía, que pide un total de 30 anos de prisión para os irmáns, ambos os dous actuaron de mutuo acordo e "portando cada un dos acusados unha navalla, con ánimo e intención de atentar contra a vida de Gregory, fixeron uso de dita armas de forma continuada cravándoas en reiteradas e múltiples ocasións no seu corpo, dirixindo os acusados o seu ataque a zonas vitais".

O Ministerio Público destaca que os irmáns Delgado anularon plenamente a capacidade de defensa da vítima, xa que mentres un deles o agarraba e o retiña no chan, o outro continuaba asestándolle múltiples puñaladas. O falecido tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Clínico practicamente desangrado, onde morreu o 4 de xaneiro ao presentar unha deterioración hemodinámica non compatible coa vida. Tal e como apunta a Fiscalía, Furcal tiña feridas nas costas, pescozo e coxa esquerda, e sufriu unha hemorraxia externa aguda que se desencadeou pola ferida da coxa, provocada por un instrumento curto punzante que seccionou totalmente a arteria e a vea femorais.

Ademais da brutal agresión que sufriu o falecido, o Ministerio Público afirma que os dous irmáns tamén atentaron contra a integridade física dunha cuarta persoa, que interveu para evitar que continuasen acoitelando á vítima. Nese intento, o implicado recibiu unha navallada na man esquerda, que tamén lle provocou lesións.

Os feitos, segundo a Fiscalía, son constitutivos dun delito de asasinato e doutro de lesións, polos que ambos os dous responden en concepto de coautores. Polo primeiro solicitan a pena de 25 anos de prisión, así como 5 máis polo segundo. Tamén pide o Ministerio Público que indemnicen de forma conxunta a parella sentimental de Furcal, coa que tiña un fillo de dous meses, con 139.878 euros, mentres que para o neno reclama 147.074. Para a outra persoa ferida, a Fiscalía reclama que sexa indemnizada con 10.142 euros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade