Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fiscalía do Supremo apoia a concesión dun indulto parcial a Álvaro García Ortiz

A Fiscalía do Supremo apoia a concesión dun indulto parcial a Álvaro García Ortiz

A medida de graza é respecto á pena de dous anos de inhabilitación para exercer o cargo que ocupaba, fiscal xeral

Segundo a Fiscalía do Supremo, tería efectos "limitados", porque só minoraría a duración da inhabiltación e acurtaríanse os prazos para cancelar os antecedentes penais

Europa Press Europa Press
G24.gal 08/05/2026 16:40

A Fiscalía do Tribunal Supremo apoiou a concesión dun indulto parcial ao exfiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz, en concreto respecto á pena de dous anos de inhabilitación para exercer o cargo que ocupaba, que lle impuxo o Alto Tribunal por un delito de revelación de segredos.

A tenente fiscal do Tribunal Supremo, María Ángeles Sánchez Conde, emitiu un informe ante a Sala Segunda do Alto Tribunal en que apoia parcialmente a petición que fixeron dous cidadáns en decembro ao Goberno de que se outorgase o indulto total a García Ortiz, condenado o pasado mes de novembro por revelación de segredos do empresario Alberto González Amador, noivo da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

García Ortiz foi condenado ao pago dunha multa de 7.200 euros e a unha indemnización de 10.000 euros en concepto de responsabilidade civil (que, segundo o informe da fiscal, xa satisfaría), así como a abonar as costas do procedemento. Así mesmo impúxoselle a citada pena de dous anos de inhabilitación especial para o cargo de Fiscal Xeral do Estado.

Pena esta última que é a que defende a tenente fiscal que debe ser indultada e que observa que, segundo a condena do Supremo, quedará extinguida presumiblemente o 9 de decembro de 2027, polo que reclama que se lle perdoe o que lle queda por cumprir cando se lle conceda o indulto. Unha medida de graza que tería, segundo sinala, efectos "limitados", pois só se minoraría a duración e acurtaríanse os prazos para cancelar os antecedentes penais.

O informe alude á ausencia do "beneficio privado" de García Ortiz respecto ao delito cometido, a "incidencia desorbitada" da condena "sobre a reputación, carreira profesional e posición institucional" do exfiscal e que o ditame xerou "consecuencias extrapenais intensas e desproporcionadas".

Respecto ao indulto parcial que defende, sinala tamén que, ao abandonar o seu posto de fiscal xeral tras coñecerse o fallo da sentenza, unha nova fiscal xeneral do Estado foi nomeada por un mandato de catro anos, cargo do que só pode ser cesada por "uns estritos motivos taxados" no Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal, polo que entende que a extensión da pena de inhabilitación especial "carece de gran relevancia".

O indulto, engade, tampouco equivalería a revisar os feitos que se consideraron acreditados nin a súa cualificación xurídica, e a súa solicitude "só se encamiña a tomar en consideración se a execución íntegra da pena resulta necesaria, proporcionada e útil desde a perspectiva da xustiza, a equidade e a utilidade pública".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade