A exdirectora de Facenda desvincula a súa saída da inspección a Zapatero
Recoñece un lamentable erro da Axencia Tributaria nun caso relacionado co empresario Julio Martínez
A exdirectora da Axencia Estatal da Administración Tributaria Soledad Fernández Doctor asegurou este martes no Senado que a súa saída do organismo non estivo relacionada coa inspección ao expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero e afirmou que levaba moito tempo querendo deixar o cargo.
Durante a súa comparecencia na comisión de investigación sobre a SEPI, negou tamén as acusacións do PP de que a Axencia Tributaria deixase prescribir actuacións relacionada con Zapatero e defendeu que o organismo acutou sempre conforme aos prazos establecidos.
Recoñece un lamentable erro
A exresponsable de Facenda admitiu, pola contra, que se produciu un lamentable erro no caso do empresario Julio Martínez, ao non se activaren os mecanismos de control tributario, malia existiren indicios que deberan motivar unha actuación.
Fernández Doctor revelou ademais que a Axencia Tributaria realizou algunha actuación relacionada co empresario, aínda que evitou ofrecer máis detalles.
Apela ao deber de confidencialidade
Ao longo da comparecencia, a exdirectora rexeitou responder a varias preguntas sobre Zapatero alegando o deber de confidencialidade e a existencia dun procedemento xudicial en marcha. A pesar de que o letrado da comisión considerou que podería dar parte desa información, advertiu de que non estaba disposta a asumir o risco de incorrer nun delito de revelación de segredos.