Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Coruña celebrou unha noite de San Xoán tranquila

A Coruña celebrou unha noite de San Xoán tranquila

Houbo 198 asistencias, ningunha de gravidade

G24.gal 24/06/2023 14:08 Última actualización 24/06/2023 14:28

Ás seis e media da mañá, os equipos de limpeza empezaron a recoller os restos da festa. Dúas horas despois, o traballo xa ía moi avanzado. E non se limitaba só ás praias xa que se montaron máis de 600 cacharelas polos barrios.

"Praza de España, rúa San Xoán, San Xosé... É un centro de moitísimo lixo, pero son arredor das oito e media da mañá e Riazor está limpo e agora imos ao Orzán", explicaba José Antonio Roel, un operario do servizo de limpeza.

Boa parte dos asistentes quedaron na praia ata o último momento, no que algúns pasaron a celebración ao paseo.

"Como ata as seis. Viñeron e dixéronnos que saísemos. Están traballando, limpando a praia para que a poida gozar de novo a xente", dicía un mozo.

"Cando estivemos na area, sempre con bolsas e un caldeiro para recoller o lixo, e aquí tamén", aseguraba outro.

No concello observan unha tendencia á baixa en canto ao lixo que a xente deixa atrás. Con todo, ás once e media da mañá, os varredores xa apañaran 33 toneladas de residuos.

"Creo que custaría menos traballo que cada un recollese as súas cousas porque por colectores que había no paseo marítimo non era", opinaba un veciño.

"Cantos colectores? 400 colectores puxemos onte. 400 colectores que recollemos hoxe", puntualizaba outro operario da limpeza.

Os servizos de asistencia atenderon 198 incidencias, fundamentalmente intoxicacións etílicas, golpes, escordaduras e queimaduras. En calquera caso, ningunha grave. Varios presentes subliñaban que se puxera moita énfase na seguridade.

"Nada de baños a partir das dez, nin saltar nas rochas, nin botellas de cristal porque a xente podía cortarse", pormenorizaba unha rapaza.

"A seguridade estivo ben, aínda que houbo pelexas, pero é normal e detivéronas a tempo", indicaba outro mozo.

En conxunto, no concello subliñan que foi unha noite de festa tranquila.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar