Ethel Vázquez cualifica de "grave" a seca e agoira un setembro complicado
A conselleira de Infraestruturas chama a limitar o consumo de auga só ao imprescindible
Cre que cada vez serán máis os concellos que terán que impoñer restricións
A conselleira de Infraestruturas asegurou que Galicia está a vivir unha situación "grave" de seca, unha seca "histórica" que fai que os niveis dos encoros e os caudais dos ríos estean nos niveis máis baixos dende que hai rexistros. Precisou que na Confederación de Galicia-Costa as concas do río Lérez, en Pontevedra, e do Anllóns, na Costa da Morte e Bergantiños, están en prealerta; e que nas provincias de Ourense e de Lugo, dependentes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a situación é máis grave porque a maioría dos concellos non teñen encoros de almacenamento.
Ademais, Ethel Vázquez considera que esta situación vaise manter o próximo mes e agoira un setembro complicado, no que cada día máis concellos terán que adoptar medidas "drásticas". Con este panorama a conselleira fai un chamamento á responsabilidade de toda a sociedade para facer un consumo responsable. Apela a gastar só a auga necesaria, a "imprescindible", e sobre todo a evitar usos lúdicos como poden ser as festas de espuma e de auga ou encher as piscinas.
E chama a que se faga en todos os ámbitos, comezando polas Administracións públicas (concellos e deputacións), todos os cidadáns e tamén o sector industrial. Neste sentido Ethel Vázquel envía mensaxes en dúas direccións: dunha banda as concellos, para que poñan en marcha os chamados plans de emerxencia contra a seca. Explicou que dende hai tres anos a Xunta habilitou unha liña de axudas para que o fagan, pero que polo de agora pouco máis dun cento de municipios conta con esta ferramenta. Por outro lado, mensaxe ás industrias, ás que insta a facer un uso responsable da auga e, principalmente, a apostar pola súa reutilización.
Por outra banda, a titular de Infraestruturas tamén se refería ás palabras do secretario xeral do PSdG, Valentín González Formoso, nas que lle pedía á Xunta que actuase ante a seca. Ethel Vázquez afirma que as súas declaracións non son nada construtivas e que amosan "cero coñecemento dos feitos", ao tempo que lle reclama que arrime o ombreiro e que, como presidente da Deputación da Coruña, sume esforzos e coordinación.