Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bolaños asegura que a Santa Sé "anunciará oficialmente" a visita do papa a España: "Hai conversacións avanzadas"

Bolaños asegura que a Santa Sé "anunciará oficialmente" a visita do papa a España: "Hai conversacións avanzadas"

Rueda, sobre a posible visita do papa a Galicia: "As cousas van polo bo camiño"

A Conferencia Episcopal reúnese este venres co Vaticano para abordar a posible viaxe do papa a España

G24.gal 09/01/2026 08:36 Última actualización 09/01/2026 10:12

O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, asegurou que a Santa Sé "anunciará oficialmente" a visita do papa León XIV a España. "Hai conversacións avanzadas", afirmou.

Así o expresou este venres o ministro Félix Bolaños nunha entrevista concedida no programa Hoy por hoy da Cadea SER, ao ser preguntado sobre se o Pontífice viaxará finalmente a España.

"Terá que ser o Vaticano, por suposto, o que dea noticia oficial desa viaxe, en que termos, a que cidades, en que datas. Pero bo, ese asunto está a avanzar", manifestou o ministro encargado de xestionar as relacións do Estado coa Igrexa católica e outras confesións relixiosas.

Xuntanza no Vaticano 

O presidente da Conferencia Episcopal Española (CEE) e arcebispo de Valladolid, Luis Argüello, e os cardeais José Cobo e Juan José Omella, arcebispos de Madrid e Barcelona, respectivamente, reúnense este venres 9 de xaneiro coa Secretaría de Estado do Vaticano, en Roma, para poñer sobre a mesa a posible viaxe do papa León XIV a España, segundo confirmaron a Europa Press fontes eclesiais.

Ademais, a reunión celebrarase só un día despois da firma do acordo Igrexa-Estado para a indemnización das vítimas de abusos sexuais no ámbito eclesial. Entre os posibles destinos da viaxe, que aínda non está confirmado, barállanse Madrid e Barcelona, que celebra este 2026 os 100 anos da morte de Antoni Gaudí, o arquitecto coñecido por dirixir a construción da Sacra Familia. Tamén podería facer algunha parada nunha zona da 'España baleirada', segundo as mesmas fontes e gaña peso a posibilidade de que o papa León XIV visite Galicia neste periplo.

O itinerario podería incluír Santiago de Compostela

"Invitacións non faltan, imos ver as datas", así respondía o Papa o pasado 28 de novembro a bordo do avión que o levaba a Turquía na súa primeira viaxe apostólica que realizou fóra de Italia.

Confirmou que fixera un tramo do Camiño, pero en coche. Agora queda que o faga camiñando como un peregrino máis. Así o agardan dende o Arcebispado de Santiago. Optimismo non falta, e mesmo non renuncian que o pontífice regresa a Compostela en 2027, coincidindo co Ano Santo.

A última visita dun papa a Galicia foi a de Bieito XVI en novembro do ano santo de 2010. En 1982 xa o fixera Xoán Paulo II, polo que León XIV se convertería no terceiro papa da historia en visitar Santiago. 

Madrid, Barcelona, as Canarias e Santiago, entre os posibles destinos

A reunión está prevista para este venres 9 de xaneiro, xusto un día despois do primeiro consistorio convocado polo papa León XIV para o 7 e 8 de xaneiro, en que participan cardeais de todo o mundo, incluídos Cobo e Omella.

O pasado mes de novembro, os bispos españois xa se reuniron co Papa León XIV e saíron "esperanzados" respecto a unha posible visita a España "quizais relativamente pronto", segundo indicaron tras o encontro.

Os prelados suxeríronlle varias ideas, como retomar a viaxe pendente do seu predecesor, Francisco, ás Canarias, ante a crise migratoria, ou organizar unha visita a Barcelona con motivo da culminación da Basílica da Sagrada Familia na súa parte central ou ante o centenario da morte de Antonio Gaudí.

Tamén lle propuxeron unha visita á España rural, con motivo do centenario da canonización de San Xoán da Cruz, nacido en Ávila e cofundador da Orde dos Carmelitas Descalzos con Santa Teresa de Xesús; ou do ano xubilar en honra a Santo Toribio de Mogrovejo, nacido en Mayorga, Valladolid, e que se dedicou á misión en Perú.

"Nós convidámolo a que coñeza a España urbana, pero tamén a España rural", salientou Argüello. Aínda que, lembrou que é a Santa Sé a que confirma as viaxes.

Ademais, o arcebispo de Madrid, José Cobo, asegurou nunha entrevista na cadea COPE o pasado mes de decembro que é "moi probable" que o papa León XIV visite Barcelona e Madrid.

"É probable que o papa veña a España e nestes días podo dicir que é moi probable tamén que poida vir a Madrid, é xa unha posibilidade que está encima da mesa de forma moi probable. O cando e o como aínda queda afinalo, pero imos, que podemos ir quentando motores", indicou.

Igualmente, Cobo puntualizou que o papa está convidado a visitar España "desde o momento un". "El coñece España, coñece Madrid e sabe o de Madrid ao ceo perfectamente", subliñou.

Pola súa banda, o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, deixou caer este mércores que "ten pinta" de que o papa León XIV, "compás moral para todos", poida visitar España nos próximos meses.

Nunha entrevista en Antena 3, recollida por Europa Press, o primeiro edil detallou que mantivo un encontro hai escasos días co Papa no Vaticano, en que lle falou de Madrid e convidouno a visitar a cidade. "Non me dixo que estaba confirmado nese momento, pero si deixou entrever que tiña gañas de vir a España e que, por suposto, tiña ganas de vir a Madrid", trasladou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade