Publicador de contidos

Publicador de contidos

A compra de Credit Suisse, por María Bastida

A compra de Credit Suisse, por María Bastida

Ao longo de 2022, Credit Suisse sufriu unha fuga de depósitos equivalente ao 40 % do total

G24.gal 20/03/2023 08:38

Fumata branca ao comezo de semana. Case á vez que botaba o pano o domingo, fíxoo tamén o acordo de UBS para a compra de Credit Suisse. Había unha oferta previa de 1.000 millóns de $ (máis ou menos o 12 % do valor do banco), que foi rexeitada.

O acordo final presentado por UBS, primeiro banco suízo e principal competidor de CS ata a data, triplica esta cantidade. Con todo, esta cantidade nin sequera alcanza o 50 % dos 8.000 millóns de euros que marcou a capitalización de CS ao peche do mercado o pasado venres. Ademais, os donos de Credit Suisse sufrirán unha perda de participación na entidade resultante, posto que a operación se materializará en entrega de accións de USB. 

Péchase así unha semana de pánico que nos fixo tremer á vez que o facían os mercados financeiros. Ao longo de 2022 Credit Suisse sufriu unha fuga de depósitos equivalente ao 40 % do total, aburados polos diferentes escándalos que salpicaron a firma. A incerteza resultante da caída do SVB só contribuíu a xerar máis problemas, poñendo ao CS ao límite.

En realidade, na última semana xerouse unha tormenta perfecta en que se mesturaron as turbulencias do sistema bancario coa crise de credibilidade e reputación que arrastraba o banco suízo. Así, o pasado mércores, o principal accionista do Banco, o Banco Nacional Saudita, asegurou que non ía investir máis diñeiro na entidade suíza.

Iso provocou unha caída de CS na bolsa de Zürich do 24 %, parcialmente compensada polo anuncio do Banco Nacional Suízo dun préstamo de máis de 50.000 millóns de euros para soster a entidade. Con todo, o venres regresaron as dúbidas sobre a viabilidade do banco, o que provocou outro esborrallamento. E esta é unha desas entidades sistémicas, é dicir, demasiado grandes para caer. 

Aumentaron as presións para alcanzar unha solución, e esta chegou a tempo de ver como reaccionan os mercados perante o acordo. Queda por diante un percorrido burocrático que pasa mesmo por modificar algunha lei do país helvético. Por exemplo, a lei vixente prevé un prazo de seis meses para que os accionistas se pronuncien sobre un acordo de adquisición, como é o caso.

Iso supoñería un atraso que Credit Suisse non pode permitirse, polo que probablemente se autorizará un cambio que permita axilizar este proceso. Asemade, deberán tomar unha decisión en relación coa concentración de mercado que supón a operación. En definitiva, o extraordinario da medida dá idea do preocupante que é a situación. 

Queda por ver se a fusión significará a fin desta sangría e contribuirá a deter a crise bancaria dunha vez por todas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade