Publicador de contidos

Publicador de contidos

A composición das mesas electorais vaise sortear entre o 24 e o 28 de xuño

A composición das mesas electorais vaise sortear entre o 24 e o 28 de xuño

Os elixidos serán notificados en man nun prazo máximo de tres días

Para formar parte da mesa electoral hai que ter menos de 70 anos e saber ler e escribir

G24.gal 31/05/2023 11:36

O sorteo para coñecer quen resultou elixido para estar nunha das mesas electorais o próximo 23 de xullo celebrarase do 24 ao 28 de xuño, cando se elixirán máis de medio millón de persoas, entre titulares e suplentes.

O anticipo electoral coincidente co período estival provocou certo temor nos cidadáns por se son chamados a unha mesa electoral cando xa non están na súa localidade, senón gozando das vacacións.

A Xunta Electoral Central informou xa de que o sorteo para designar os membros de Mesa electoral celebrarase do 24 ao 28 de xuño en todos os concellos de España e a notificación por parte da administración electoral entregaráselles en man nun prazo de tres días a partir do sorteo.

65.000 mesas electorais e 530.000 persoas designadas

En total teñen que constiuírse unhas 60.500 mesas electorais, e polo menos 530.000 persoas deben ser designadas para formar parte delas. Os titulares, presidente e vogais, serán uns 180.000, pero cada un deles ten que ter dous suplentes en previsión de que houbese ausencias, o que suma outras 360.000 persoas.

No sorteo só entran os que teñan menos de 70 anos e saiban ler e escribir. Tamén a partir dos 65 anos poderán manifestar a renuncia no prazo de sete días. 

Amais o presidente ou presidenta deberá ter o título de bacharelato, o de Formación Profesional de segundo grao ou o de graduado escolar ou equivalente.

Período de alegacións

A lei ofrece a posibilidade de alegar impedimentos ante a Xunta Electoral de Zona. Para iso os electores teñen de prazo 7 días desde a notificación.

Aqueles que estean nunha Mesa electoral cobrarán polo menos 70 euros, en concepto de axuda de custo, 5 euros máis que nas xerais de 2019.

Deberes dos membros das mesas

Quen participe na xornada electoral como membro da mesa deberá comprobar o bo estado do material, como que as papeletas estean dispoñibles ou que estean pechadas as urnas. Ademais deberán recoller os sufraxios dos electores durante o tempo que duren a votacións. Ao finalizar terán que estar presentes no reconto de votos e cumprimentar as actas e asinalas.

Pero, ollo, o castigo por non acudir ou abandonar sen causa lexítima ou xustificada a Mesa pode incorrer en pena de prisión de tres meses a un ano ou nunha multa de seis a vinte e catro meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade