A Cervi "gústalle moito" a idea de fútbol do novo técnico
Non quixo entrar en comparacións co antecesor do porriñés, Rafa Benítez

O futbolista do Celta, Franco Cervi, pasou este venres pola sala de prensa tras a última sesión dunha semana sen liga.
"Foi unha semana importante para seguir aprendendo os conceptos. Síntome ben (con Claudio Giráldez), estamos a entender a súa maneira de xogar e a verdade é que estou contento", dicía o arxentino.
Pero sen querer entrar en comparacións co antecesor do porriñés, Rafa Benítez.
"Cada adestrador ten o seu estilo. Estamos a traballar noutro estilo, tentando coller os conceptos o máis rápido para lograr o obxectivo que temos. É outro adestrador, hai que pasar páxina e centrarnos no que queda", pide.
En canto á posición que lle toca asumir no esquema de Giráldez -co que tivo minutos desde o banco nos dous primeiros partidos- sostén que é un papel que non lle é alleo.
"É unha posición que coñezo. Tento coller os conceptos o máis rápido para axudar o equipo", apunta.
Este curso non puido facelo todo o que quixese debido aos problemas físicos.
"Foi unha tempada diferente, tiven dúas lesións musculares que non tivera antes e custoume traballo. Un ve os números e non estaba afeito, pero hai que seguir traballando para axudar ao equipo", insiste.