A Cátedra do Pan promove o cultivo das variedades autóctonas de trigo
Ademais dun alimento básico, o pan pode ser un revulsivo contra o cambio climático e contra o despoboamento rural
Un equipo de científicos e científicos sociais pretenden recuperar o cultivo dos nosos cereais autóctonos e outorgarlles valor de mercado. Centralizan o seu traballo no Campus de Lugo, dirixidos pola primeira catedrática en Galicia de Tecnoloxía dos Alimentos, Ángeles Romero.
Son 20 investigadodes de nove áreas de coñecemento os que conforman o grupo de traballo da Cátedra do pan. Nos seus laboratorios, gran, fariña e pan son sometidos á máis minuciosa análise científica, incluído un panel de catadores, porque, coa mesma fariña e amasado, o pan ten diferentes graos de salgado ou de triscante segundo a forma coa que vaia ao forno, e diferentes combinacións con peixe, carne ou xamón.
Nada escapa do estudo da Cátedra do Pan. Fanse análises xenéticas, nutricionais... e tamén a caracterización físico-química do pan e das fariñas de base. A cátedra realiza desde estudos sobre biodiversidade, farmacoloxía, ata como afecta o cultivo do cereal autóctono ao contorno social, impulsando a poboación das zonas rurais. Tamén fan informes económicos para reducir a dependencia que se puxo de manifesto coa guerra de Ucraína.
"Fixo darnos conta do dependentes que somos de produtos que veñen de fóra, cando realmente temos aquí todos os medios para poder producir, como faciamos antes, os nosos alimentos. Somos firmes defensores da alimentación saudable, e unha das características que ten a alimentación saudable é que ten que ser sostible, e iso pasa por incluír na nosa alimentación diaria produtos de proximidade", explica Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos.
Que non se perda a produción do pan de calidade, do que falan como patrimonio cultural, é o principal obxectivo deste grupo de investigadores, que insisten na necesidade de formar o consumidor para distinguir o valor dun pan coma o pan galego.