Un investimento de 33,5 millóns permitirá ampliar nun 50% a superficie do Hospital da Mariña
O Consello da Xunta aprobou acometer as fase dúas e tres da reforma do centro sanitario situado en Burela
O Consello da Xunta aprobou este luns, na súa reunión semanal, licitar a fase dúas e tres da ampliación do Hospital da Costa, situado en Burela, e no que se van investir 33,5 millóns de euros.
O centro sanitario, que dá servizo a toda a Mariña, unhas 70.000 persoas, pasará así a incrementar a súa superficie nun 50 %.
Segundo detallou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a ampliación permitirá contar con 3.000 metros cadrados máis, e que redundará en concreto na área de Urxencias, e o PAC, renovaranse as instalacións do Hospital de día, de medicina preventiva, de paliativos e de hospitalización a domicilio, e melloraranse os quirófanos e as áreas de reanimación.
O Consello tamén aprobou destinar catro millóns de euros máis, para chegar ata os 19,4, para atraer 60 novos investigadores á sanidade pública e formar a máis de 2.000 médicos e outros especialistas cada ano.