A ampliación da fecundación in vitro ata os 45 anos iniciarase en grupos prioritarios
Tamén poderán conxelar óvulos na sanidade pública as mulleres ata esa idade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que a ampliación da fecundación in vitro ata os 45 anos e a conxelación de óvulos iniciarase en "grupos prioritarios", pero co obxectivo de "chegar a todas as mulleres que o desexen".
Explicouno este martes na súa visita, xunto ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, á unidade de reprodución humana asistida do hospital Materno-Infantil Teresa Herrera na Coruña.
"Imos tentar que máis parellas poidan ter fillos se o desexan, ademais de máis tempo e máis posibilidades para tentalo", comentou.
A Xunta destina de 1,3 millóns de euros na mellora do equipamento das unidades de reprodución asistida do Servizo Galego de Saúde.
Rueda destacou que a unidade da Coruña fai 35 anos e é un destino "de primeiro nivel".
Mariana García, embrióloga e responsable da unidade, sinalou que esta foi a primeira pública en Galicia e á que despois seguiron as de Vigo e Santiago, todas elas cun "grande equipo humano".
Desde os anos 90, dixo, vivíronse grandes avances como a conxelación de óvulos.
O conselleiro de Sanidade apostou polo diálogo para seguir avanzado e lograr unha "sanidade pública de alto nivel, eficaz e digna".