A alcaldesa de Cambre anuncia a súa dimisión tras un ano no cargo
María Pan presentará a renuncia este xoves nun “exercicio de responsabilidade e respecto polo pobo”
Acusa a oposición de bloquear sistematicamente todas as propostas do Goberno local de UxC

A alcaldesa de Cambre (A Coruña), María Pan, anunciou este martes a súa dimisión, que se formalizará o vindeiro xoves. Fíxoo a través dunha carta aberta dirixida á veciñanza, na que explica que dá este paso “por responsabilidade, respecto e agarimo” pola súa vila.
Pan asumira o cargo o 22 de marzo de 2023, despois da dimisión do anterior rexedor, Óscar García Patiño.
Agora, tras un ano de mandato, sinala que a situación no Concello fai inviable continuar.
Na súa carta, a líder do partido local Unión x Cambre (UxC) lamenta que, malia os avances, non se conseguiu “a solución definitiva para devolver Cambre á senda da normalidade”.
Acusa os 11 concelleiros da oposición —PP, PSOE e BNG— de “boicotear sistematicamente todas as solucións” propostas polo goberno de UxC, que conta con 7 edís.
“Dimito para abrir camiño ao goberno antinatura que está intentando dirixir Cambre desde a oposición”, afirma, en referencia á alianza tácita entre os tres partidos para bloquear acordos no pleno.
Pan asegura que tanto ela como o seu equipo estaban “para traballar, non para cobrar un soldo e quedar cos brazos cruzados”, e engade que, cando gobernar se fai imposible, “hai que ser valentes e marchar”.
Reprocha que a oposición “bota todo abaixo, pleno tras pleno”, baseándose en informes técnicos desfavorables e bloqueando todas as iniciativas.
Segundo a alcaldesa, o Concello de Cambre “non ten débedas” e o problema é a “burocratización excesiva, interpretacións ríxidas da legalidade e unha oposición sen sentido de servizo público”.