Publicador de contidos

Publicador de contidos

Récord histórico: 2,6 millóns de españois piden o voto por correo para o 23X

Récord histórico: 2,6 millóns de españois piden o voto por correo para o 23X

As solicitudes rexistradas en Correos son case o dobre das dos anteriores comicios xerais

En Galicia contabilizáronse 146.144 solicitudes de votos anticipados, máis do triplo que en novembro de 2019

G24.gal 14/07/2023 11:17 Última actualización 14/07/2023 14:05

Correos admitiu 2.622.808 solicitudes de voto para as próximas eleccións do 23X ata este xoves, que acabou o prazo. Iso supón un récord histórico e un incremento do 94,71 % respecto aos comicios do 28 de abril de 2019 (1.346.995).

Con respecto á anterior marca histórica de voto por correo, que se produciu en 2016, o incremento é do 80,45 %. Daquela, cuns comicios que se celebraban ás portas do verán, houbera 1.452.988 de solicitudes.

Nun comunicado, a empresa detalla que das solicitudes de voto por correo, 1.924.976 foron presentadas de forma presencial e 697.832 de forma telemática.

En Galicia as solicitudes ascenden a 146.144, unha cifra que supón máis do triplo que para a repetición de comicios do 10 de novembro de 2019, cando se rexistraron 47.609.

De todas as peticións de voto anticipado cursadas en Galicia 59.226 son da provincia da Coruña, 43.907 de Pontevedra, 21.583 de Lugo, e 21.428 de Ourense.

Unha vez recibidas as papeletas electorais, os solicitantes do voto por correo terán que entregalas, acreditando a súa identidade, nas oficinas de Correos antes do próximo 20 de xullo, aínda que non se descarta amplialo.

Cabe lembrar, que Correos abrirá as súas oficinas esta fin de semana para facilitar o voto, cun horario de 09:00 a 21:00 horas en Madrid, Barcelona e varias cidades turísticas. Mentres que no resto abrirán de 9:00 a 14:00 horas. O domingo tamén haberá un gran número de oficinas abertas de 9:00 a 14:00 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade