O avance da intelixencia artificial achega o soño dun robot que traballe como electricista ou fontaneiro
O avance da intelixencia artificial achega o soño dun robot que traballe como electricista ou fontaneiro
Diferentes empresas tratan de crear autómatas capaces de realizar os máis coñecidos oficios manuais
De momento, a escaseza de persoal mantén as profesións físicas entre as máis demandadas
Soñan os robots con traballar de electricista? Medio século despois poderíamos reformular o título da famosa novela de ciencia-ficción. As máquinas están reemprazando os humanos en distintos labores e moitos cren que tamén poderán susbtituír as persoas nos empregos físicos, manuais, considerados imprescindibles. De momento, eses oficios viven un momento dourado. A escaseza de traballadores converte os profesionais nun tesouro. A maioría están saturados e non poden atender máis encargos.
"Nós levamos máis de ano e medio rexeitando moito traballo por non poder atendelo", conta Francisco Piñeiro, xerente de Electronavia, unha pequena empresa de Vigo que ten unha decena de empregados.
"De feito, téñenme chamado doutras construtoras e teño que dicirlles que non, porque non teño persoal suficiente para atendelos", confirma Manuel Ferro, propietario de Instalacións Ferro, outra pequena empresa familiar centrada na fontanaría.
Así que, de momento, electricistas e fontaneiros están entre as profesións máis demandadas. Os salarios subiron e tamén melloraron as condicións de horario e conciliación familiar. Incluso hai empresas que, coma se de clubs deportivos se tratase, se fichan traballadores unhas ás outras.
"Non sei se dá para ser millonario ou non. Pero para traballar e ter un futuro na vida, seguro, segurísimo", afirma Fabián Araújo, fontaneiro con vinte anos de experiencia no sector.
"Á xente nova estanlle rompendo a cabeza coas novas tecnoloxías, con moito traballo de despacho, de estar sentado diante dun ordenador, pero a nosa profesión, o noso oficio, necesita xente en obra. Hai cousas que non se poden facer a través dun ordenador", asegura o xerente de Electronavia.
Pero xa hai robots que o poderían facer. Diferentes empresas en distintos países do mundo están investindo milleiros de millóns de euros en desenvolver autómatas capaces de realizar tarefas ata agora impensables para unha máquina. Grades compañías, como o xigante Nvida, ou a Tesla de Elon Musk, ven futuro en fabricar humanoides que traballen nunha fábrica, xestionen un almacén ou fagan os labores domésticos. E coa intelixencia artificial esas máquinas aprenden máis cousas e moito máis rápido así que se amplía o seu rango de acción.
"Nos próximos dous ou tres anos, pode que incluso antes, teremos unha vaga de robots humanoides que se están a desenvolver na China pero tamén en Occidente, que aprenden coa interacción co mundo real", revela o decano da facultade de Administración de Empresas da Universidade Internacional da Empresa, Álvaro Gómez. "Xa están en produción, xa existen, non e ciencia ficción".
Os novos robots, en teoría, tamén estarán capacitados para realizar os oficios manuais. E grazas á intelixencia artificial, mesmo poderían facelo máis rápido, aprendendo uns dos outros. Será, seguro, sen ter que descansar, sen cobrar e sen reclamar dereitos laborais. Por iso expertos como Álvaro Gómez alertan sobre a necesidade de regular o seu uso.