'As bestas' e 'Modelo 77', as películas con máis candidaturas aos Goya
Ata doce candidaturas relacionadas con Galicia competirán nos premios Goya nunha edición en que o filme de Sorogoyen parte como favorito

As bestas, con dezasete nomeamentos; Modelo 77, con 16, e Alcarràs e mais Cinco lobitos, con once cada unha, parten como favoritas nos Premios Goya 2023, que este ano na súa 37 edición volven a Sevilla por segunda vez, o día 11 de febreiro de 2023, tras celebrarse o ano pasado en Valencia.
As actrices Blanca Portillo e Nora Navas deron lectura este xoves na sede madrileña da Academia de cinema á listaxe de obras e intérpretes propostos para 28 categorías, este ano, por primeira vez, cun mínimo de cinco nomeados por categoría, a que se suma o Goya de Honra para Carlos Saura.
Nestes Goya haberá catro actores galegos propostos: Luís Tosar e Javier Gutiérrez a mellor actor protagonista; Luis Zahera e Diego Anido, a mellor actor de elenco. Dúas películas de animación finalistas: Unicorn Wars e Os demos de barro. E tres curtas: Memoria, La entrega e Amanece la noche más larga.